Soubo resistir á tentación das voces das sereas, aos encantos de Circe, Calipso e Nausícaa, loitou contra Polifemo, Escila e Caribdis, enganou aos Troianos cun cabalo de madeira e, durante dez anos sucou o mar da cor do viño para volver ao seu fogar en Ítaca.
Esta longa viaxe, a orixinal e primixenia odisea, que inspirou tantas e tan variadas creacións artísticas, non corre o perigo de desaparecer do imaxinario infantil e xuvenil grazas ao traballo de aqueles autores que conseguiron adaptar para eles a grandiosa obra de Homero.
Adaptar sen corromper, resumir sen esquecer o fundamental, simplificar sen deteriorar.
Non é doado.
Hoxe queremos presentarvos tres fantásticos exemplos:
O traballo de Rosa Navarro, unha fermosa versión para nenos de máis de 6 anos, A Odisea contada aos nenos (Edebé-Rodeira) cuxa traducción ao galego recibiu ademáis o Premio Lois Tobío de tradución en 2007.
A versión de Rosemary Sutcliff para Vicens Vives: Las aventuras de Ulises: la historia de la "Odisea", que o propio Carlos García Guall calificou asi: "ha logrado recrear el espíritu ingenuo y poético de la narración épica, en una prosa de buen ritmo, sonora, clara y con un alto grado de elaboración literaria".
- E finalmente a orixinalísima recreación de Giovanni Nucci para Siruela, As aventuras de Ulises. Lástima que non conservasen o título orixinal: Ulises. O mar da cor do viño, con ese fermoso epíteto homérico do mar que acompañará ao lector durante toda a obra.
Unha aproximación ao texto de Homero rompedora, orixinal e divertidísima. Nela o lector descubre que os deuses, os heroes, os reis, os guerreiros e incluso os monstros non son personaxes encumbrados, deshumanizados e distantes senón seres cercanos, fráxiles, sensibles e incluso divertidos. E consigue todo isto sen degradar en ningún momento a fermosura do texto de Homero.
As ilustracións de Chiara Carrer fan o resto.
Estades listos?
Arriade entón as velas e suquemos todos xuntos o mar da cor do viño!
No hay comentarios:
Publicar un comentario