24/2/08

BRUTAL ASASINATO NA ILLA DE TORALLA

OLLOS DE AUGA de Domingo Villar
Galaxia, 2006.

O escenario, a cidade de Vigo, “un paraíso en pendente imposible de imitar”. Os protagonistas, dous policías antagónicos: o inspector Leo Caldas, minucioso e discreto, e o seu compañeiro Rafael Estévez, un xigantón rudo e violento. O crime, o brutal asasinato de Lois Reigosa, un saxofonista de jazz con ollos incríblemente azuis, da cor da auga.
O resultado, unha novela negra imposible de deixar pola metade. A intriga que espertan as pescudas e avances do inspector Caldas se combinan con brillantes toques de humor e divertidas escenas protagonizadas polo seu compañeiro Estévez.
Se ademais coñeces a cidade de Vigo, percorres con eles cada un dos lugares que visitan case como se estiveses alí.
Unha excelente recomendación para un club de lectura xuvenil, amena, divertida, emocionante…
O propio autor fixo a versión en castelán para Siruela e a súa adaptación para o cine parece estar xa en marcha (http://www.blogdecine.com/2007/04/20-adaptacion-de-ojos-de-agua-la-novela-policiaca-de-domingo-villar)

Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid, onde traballou como guionista de cinema e de televisión. É crítico gastronómico nunha emisora de radio e colaborador habitual en diversos medios de comunicación escritos. Ollos de auga é a súa primeira novela.

23/2/08

JIRO TANIGUCHI (II)

A recomendación de cómic desta semana é outra obra do autor de manga Jiro Taniguchi. Trátase de El rastreador (Editorial Ponent Mon 2006). O protagonista é un montañeiro, Shiga, que se ve na obriga de voltar á cidade cando Megumi, unha estudante de instituto de 14 anos, desaparece misteriosamente. A rapaza é filla do que fora o seu mellor amigo, morto no Himalaya. Shiga debe baixar do seu refuxio da montaña para cumprir a promesa que lle fixera de coidar a Megumi. Pero a metrópole amósase máis perigosa e chea de dificultades que a montaña. Aparecen algúns temas da sociedade moderna como a incomunicación entre pais e fillos, a prostitución de menores, o caos da gran cidade ou o abuso das grandes empresas.

A historia desenvólvese de xeito próximo ao "thriller". A tensión mantense ata o final e o protagonista actúa como un verdadeiro heroe enfrontándose á cidade da única maneira que sabe, coma se fose o Dhaulagiri (8167 m, ocupa o séptimo lugar na lista dos cumios máis altos do mundo http://es.wikipedia.org/wiki/Dhaulagiri)

A obra divídese en trece capítulos e e está publicada no mesmo sentido de lectura que a edición xaponesa, é dicir, hai que comezar a ler pola que sería a derradeira páxina dun libro occidental e seguir as viñetas de dereita a esquerda.
Espero que vos guste moito.

19/2/08

O CARTEIRO DE BAGDAD, de Marcos S. Calveiro

Ed. Tambre, 2007.
XVIII Premio Ala Delta.
Ilustrado por Miguel Ángel Díaz.
Para lectures de máis de 10 anos.
Abdulwahid vive nunha casoupa en Bagdad co seu pai Ibrahim e súa nai Fatiha. Abdulwahid non vai á escola (xa non funciona) nin sae á rúa (moitos perigos: balas de francotiradores ou de soldados americanos, coches bomba e as humillacións de seus veciños chiís por seren sunnís.
O seu mundo son as historias que lle conta seu pai, o único que sae da casa.
A banda sonora da súa vida son os disparos, as bombas e a motocicleta de seu pai por que Ibrahim é carteiro en Bagdad.
Cando ocorre un accidente e Ibrahim debe gardar cama, gravemente enfermo, Abdulwahid vive a grande aventura de entregar unha importante carta nun barrio chií ao outro lado do río Tigris.Un fermoso e sinxelo relato da vida cotiá dunha familia calquera en Bagdad. Tenro, emotivo e moi ben ilustrado ademáis. Para non perdelo.

16/2/08

BARRIO LEJANO de J. Taniguchi

Jirō Taniguchi (1947, Tottori, Xapón) é un debuxante de manga, que ten publicadas en español historias como La habitación ronca, Ciudad sin defensa, El viento del oeste es blanco, El almanaque de mi padre, Crónicas del viento, El Olmo del Cáucaso, Tierra de Sueños, La época de Botchan, El caminante (obra da que se está a preparar adaptación cinematográfica) e un longo etcétera.


A obra que hoxe vos recomendo é a que leva por título 遥かな町へ (Harukana machi he), Barrio lejano, cómic manga traducido ao español, publicado en dous tomos pola editorial Ponent Mon (2003). Recibiu en 2003 o premio Alph'Art do mellor guión no Festival do Cómic de Angulema (Francia) e no 2004, o Premio á Mellor Obra Estranxeira no Salon do Cómic de Barcelona.



O argumento xira arredor dun pai de familia de 48 anos que, á volta dunha viaxe de negocios e sen pretendelo, volve ao seu pobo natal. Alí visita a tumba da súa nai e experimenta un regreso ao seu pasado, cando era un rapaz de 14 anos, mantendo a súa experiencia de adulto.


Nesta situación redescubrirá o seu pasado, a súa familia e amigos e enfrontarase ao dilema de tentar cambiar o pasado ou simplemente revivilo.

Ademáis da historia, que engancha dende o principio, ides disfrutar coas expresivas ilustracións, en moitas ocasións tan elocuentes que sobran as palabras. Os debuxos son claros e detallistas nas expresións e nos fondos, e o trazo simple e limpo, como é habitual nas historias de Taniguchi.

13/2/08

QUIEN LO PROBÓ, LO SABE



Desmayarse, atreverse, estar furioso,

áspero, tierno, liberal, esquivo,

alentado, mortal, difunto, vivo,

leal, traidor, cobarde y animoso;


no hallar fuera del bien centro y reposo,

mostrarse alegre, triste, humilde, altivo,

enojado, valiente, fugitivo,

satisfecho, ofendido, receloso;


huir el rostro al claro desengaño,

beber veneno por licor süave,

olvidar el provecho, amar el daño;


creer que el cielo en un infierno cabe;

dar la vida y el alma a un desengaño,

¡esto es amor! Quien lo probó lo sabe.



(Lope de Vega)




FELIZ DÍA DOS NAMORADOS AOS QUE XA PROBARON E AOS QUE AÍNDA ESTÁN POR PROBAR.

9/2/08

BLACKSAD

A serie de cómic Blacksad presenta unha historia "clásica" de xénero negro protagonizada por animais antropomórficos. A trama sitúanos en Estados Unidos nos anos 50, onde asistiremos a diferentes casos do detective privado John Blacksad.

Realizado polo guionista J. Díaz Canales e o magnífico ilustrador Juanjo Guarnido, este cómic obtivo varios premios e nomeamentos (no XIX Salón do Cómic de Barcelona, no Salón do Cómic de Angouleme, Premio Harvey 2005 ) o eloxio unánime cara ao traballo de Guarnido por parte dos seus compañeiros de profesión, e un sorprendente éxito de vendas.
Blacksad é a primeira historieta profesional dos seus autores xa que ambos proveñen do mundo da animación. O máis atractivo de Blacksad está na elección de animais con forma humana como protagonistas e, sobre todo, na brillante execución gráfica. En palabras dos propios críticos: - ”As carencias do guión compénsanolas con fartura o marabilloso debuxo de Juanjo Guarnido (...) Manéxase perfectamente dentro do medio en que se atopa, cunha narrativa áxil e fluída, unhas detalladísimas viñetas e un uso da cor verdadeiramente impresionante, variando de paleta en función do ambiente que cada prancha precise." Gorka Domínguez
- " [Blacksad] soborda de beleza, de forza, de vida, de orixinalidade, ¡teno todo!. O ambiente, as cores, os planos, as caras, os diálogos... O imprescindible para perpetuar esa boa e vella tradición, a novela policíaca." Regis Loisel

Os cómics de Blacksad son publicados en España por Norma Editorial, en álbums de tapa dura a toda cor. A colección comprende os seguintes títulos:

  • Blacksad 1: Un lugar entre las sombras (2000). Blacksad investiga o asasinato dunha actriz coa que mantivo unha relación sentimental no pasado.



  • Blacksad 2: Arctic-Nation (2003). Álbum no que se narra unha historia relacionada co racismo. Blacksad resolverá o secuestro dunha nena negra nun barrio con grandes tensións raciais.



  • Blacksad 3: Alma Roja (2006). Conta unha historia relacionada coa enerxía atómica nunha intriga política de alcance internacional.

6/2/08

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR





Agustín Fernández Paz, Xerais, 2007.

Que mellor mes que este para devorar este libro de relatos de amor que o autor galego acaba de publicar, nunha edición moi coidada e fermosamente ilustrada por Pablo Auladell.
(Se queres coñecer o traballo deste ilustrador preme aquí:
http://www.apiv.com/GUIA/gw1/FICHAS/023/M.htm)

Nel atopamos dez historias de amores adolescentes, amores platónicos ou imposibles, amores eternos, máis alá da morte, amores reais ou soñados ... e, sobre todo amor aos libros e ás mil maneiras de falar de amor a través da poesía e da prosa. Agustín adorna case tódolos seus relatos con citas literarias que nos despertan as ganas de beber xunto con el desas fontes literarias que o inspiran. Un libro de lectura fácil e amena que ademáis nos abre portas a outros autores como Auster, Valente, Yeats, Neruda ou Salinas.
Os máis fermosos: "Un radiante silencio" e "Un río de palabras". De feito, anímovos a facer nos nosos centros o que o protagonista do relato fai no seu barrio... pode que resulte.

1/2/08

REDESCUBRIR A PAUL AUSTER


Tiña lido dous libros de Paul Auster: "O conto do peixe-plátano e outros contos" e "Mr Vértigo". O primeiro non me impactou e o segundo angustioume, polo que me quedei un tanto chafada con Paul Auster e a súa xenialidade como escritor.
Comentei ésto cunha colega e faloume de "Brooklyn follies", enganchoume dende as primeiras páxinas e xa non puden soltalo ata acabalo, que pena que non fose máis longo!
Moi boa novela: redacción exquisita, riqueza de personaxes variopintos, os recantos dun Brooklyn acolledor, varias historias perfectamente entrelazadas. Total que xa estou pensando no seguinte del que vou ler. Teño boas referencias dunha triloxía de Nova York.

PASEN E VEXAN