9/2/08

BLACKSAD

A serie de cómic Blacksad presenta unha historia "clásica" de xénero negro protagonizada por animais antropomórficos. A trama sitúanos en Estados Unidos nos anos 50, onde asistiremos a diferentes casos do detective privado John Blacksad.

Realizado polo guionista J. Díaz Canales e o magnífico ilustrador Juanjo Guarnido, este cómic obtivo varios premios e nomeamentos (no XIX Salón do Cómic de Barcelona, no Salón do Cómic de Angouleme, Premio Harvey 2005 ) o eloxio unánime cara ao traballo de Guarnido por parte dos seus compañeiros de profesión, e un sorprendente éxito de vendas.
Blacksad é a primeira historieta profesional dos seus autores xa que ambos proveñen do mundo da animación. O máis atractivo de Blacksad está na elección de animais con forma humana como protagonistas e, sobre todo, na brillante execución gráfica. En palabras dos propios críticos: - ”As carencias do guión compénsanolas con fartura o marabilloso debuxo de Juanjo Guarnido (...) Manéxase perfectamente dentro do medio en que se atopa, cunha narrativa áxil e fluída, unhas detalladísimas viñetas e un uso da cor verdadeiramente impresionante, variando de paleta en función do ambiente que cada prancha precise." Gorka Domínguez
- " [Blacksad] soborda de beleza, de forza, de vida, de orixinalidade, ¡teno todo!. O ambiente, as cores, os planos, as caras, os diálogos... O imprescindible para perpetuar esa boa e vella tradición, a novela policíaca." Regis Loisel

Os cómics de Blacksad son publicados en España por Norma Editorial, en álbums de tapa dura a toda cor. A colección comprende os seguintes títulos:

  • Blacksad 1: Un lugar entre las sombras (2000). Blacksad investiga o asasinato dunha actriz coa que mantivo unha relación sentimental no pasado.



  • Blacksad 2: Arctic-Nation (2003). Álbum no que se narra unha historia relacionada co racismo. Blacksad resolverá o secuestro dunha nena negra nun barrio con grandes tensións raciais.



  • Blacksad 3: Alma Roja (2006). Conta unha historia relacionada coa enerxía atómica nunha intriga política de alcance internacional.

PASEN E VEXAN