1/12/12

LA CIUDAD TRANSPARENTE


Hai uns meses a revista semanal do xornal El País publicou unha breve reseña sobre literatura infantil e xuvenil que nos chamou a atención. Titulábase así: Atrapados por la lectura, e recollía cinco recomendacións de expertos en literatura infantile xuvenil. Cinco libros que están "fora do catálogo escolar" pero que eles consideran que poden convertir aos rapaces en apaixoados da lectura de por vida.
De seguida buscamos no noso catálogo... Algúns ocupaban xa hai tempo os andeis da nosa biblioteca sen que tivésemos notado ningún efecto ... pero outros, non. Había que remedialo!
De seguido acudimos ao noso libreiro de cabeceira, encargamos os exemplares e procedimos á súa ávida lectura en busca desa fórmula máxica.
Hoxe vos presentamos a primeira desas lecturas adictivas: La ciudad transparente, de Ana Alonso e Javier Pelegrín (non deixedes de visitar o seu blog).

Trátase dunha interesantísima novela gráfica ilustrada por Pere Ginard que nos traslada a un verosímil mundo futuro no cal as vidas dos cidadáns forman parte dun espectáculo televisivo. Unha sociedade na cal o triunfo consiste en acadar os maiores éxitos de audiencia e na que as vidas "privadas" están escritas e dirixidas por  guionistas profesionais, expertos en proporcionar ao público o que desexa en cada momento.

O protagonista da novela é un mozo, Jason, unha estrela nese mundo transparente, que representa á perfección os guións que Minerva, a súa guionista, lle envía cada día. Sabe desenvolverse nese "negocio" e, a pesares de que bota en falta algo de liberdade á hora de elexir as súas parellas, considérase un afortunado e saborea feliz o seu éxito.

Pero un bo día as cousas comezan a cambiar, os novos guións que recibe desvélanlle unha realidade oculta coa que non contaba, e Minerva deixa de comunicarse con el. A súa vida xa non está escrita e terá que afrontar el só o reto de actuar sen ninguén que o dirixa.

É verdade que a novela "engancha" dende o comezo. Ademáis, os fragmentos gráficos aportan, dun xeito moi orixinal, toda a información paralela que, nun principio, tanto confunde ao protagonista pero que  acabará aportándo, a el e aos lectores que o acompañan, as chaves para o desenlace final.

Estamos desexando que a leades e, sobre todo, que nos digades se, efectivamente, a súa lectura vos provocou unhas irrefreables gañas de seguir lendo. Se é así, non vos reprimades, temos na biblioteca outras obras destes autores como: El secreto de If, Tatuaje o Versos piratas, piratas en verso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

PASEN E VEXAN