19/5/09

A ministra que escribe contos

Non podemos nin debemos entrar en xuízos morais sobor da posición da nosa ministra de cultura fronte as descargas por internet. Sen embargo si que sentimos certo abraio, incluso vergoña, cando, ao buscar información na rede sobre ela, topamos cun número inmenso de enlaces a páxinas nas que se lle vitupera, menospreza ou directamente se lle invita a deixar o seu cargo (González-Sinde pírate seica arrasa en Facebook).

Polémicas aparte, Ángeles González-Sinde conta cunha abraiante colleita de éxitos como guionista e directora de cine pois saíron da súa pluma os guións das inesquecibles películas de Ricardo Franco La buena estrella e Lágrimas negras así como o da súa tan premiada producción La Suerte dormida.

O que non sabiamos era que tamén é unha estupenda narradora de literatura infantil e que levou xunto con Jordi Sierra i Fabra, o Premio Edebé de literatura infantil 2006 coa súa primeira obra Rosanda e a arte de maxia.


Nesta primeira historia coñecemos a Rosanda-Amapola e o pequeno círculo de persoas que enche a súa vida: mamá Violeta, a avoa Queti, seu irmán Mauro, alcumado “minimarido”, Blanca, a mellor amiga de mamá, Tomi, seu mellor amigo e a señorita Nati, a profe. Todos eles continúan presentes na súa vida na segunda parte que ven de saír á luz: Rosanda y el mar de cristal.

Dúas narracións deliciosas, tenras, divertidas e moi emocionantes nas que a autora é capaz de mostrarnos o mundo dende dous puntos de vista ben diferentes:
  • Rosanda, unha nena de 7 anos, inxenua, optimista, atrevida e loitadora.

  • E Violeta, unha nai soa con dous fillos, moito traballo e unha anguria que a come por dentro pero que non pode deixar ver: o paradeiro do seu home, desaparecido nunha misión humanitaria en Bolivia.
Nos dous relatos emprenden xuntas unha viaxe,
  • a Exipto, na procura dos Reis Magos (Rosanda ten algo moi importante que pedirlles).
  • e a Bolivia, en busca do pai desaparecido.

Vivirán xuntas aventuras para rir e chorar e con elas coñeceremos mundos diferentes, culturas lonxanas e xente marabillosa e, o máis importante, Rosanda nos mostrará (tamén a Violeta) o importante que é confiar no que nos di o corazón (por moi disparatado que nos pareza) e a loitar na procura dos nosos soños.

Tamén en ambas historias a autora sazona as aventuras das dúas ousadas viaxeiras con esceas cotiás cheas de humor e tenrura: unha avoa que nunca atopa as gafas, un irmá que esperta cada noite e non deixa durmir a ninguén, unha nai agobiada que aproveita un semáforo vermello para romper a chorar... Esceas que namoran ao lector tanto ou máis que as emocións na selva boliviana, ou no salar de Uyuni (o mar de cristal), onde por fin atoparán a papá Octavio, ferido e canso nunha casa feita de sal e sobrevivindo grazas ao fillo do Jukumari.


Non deixedes de coñecer a Rosanda. Unha lectura para grandes e pequenos coa que aprender, divertirse e emocionarse tamén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN