4/3/09

De mulleres e flores


As sinxelas e cotiás historias de dúas mulleres na Korea tradicional, unha nai viúva que rexenta unha taberna, Namwon, e a súa filla Ihwa convírtense en poesía visual da man do autor coreano Kim Dong-Hwa.

Historias color tierra é un manhwa, o equivalente koreano do manga, que nos traslada a unha lonxana cultura e á súa sorprendente forma de vencellar cada sentimento, emoción ou momento vital coa natureza, as flores, os aromas, a chuvia e os cambios de estación (o inexorable paso do tempo).


Ambas mulleres saen adiante soas nunha sociedade patriarcal e inxusta de matrimonios pactados e mulleres sumisas, e tamén soas viven as súas particulares experiencias amorosas. Ihwa despertando á adolescencia e á sexualidade recén descuberta, Namwon cun novo amor de madurez despois de anos de soidade.

En cada capítulo a simboloxía poética da natureza mesturada con momentos de humor que salpican a relación de Ihwa coas amigas ou de Namwon cos homes que frecuentan a taberna compleméntanse coas fermosísimas imaxes da paisaxe e a natureza que rodea e incluso dirixe as súas vidas.


Unha experiencia deliciosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN