6/5/15

LEVA A CASA UNHA MOCHILA VIOLETA!

Educar en igualdade é educar dende a diferenza.

É por iso que, dende as primeiros anos de vida debemos esforzarnos, familia e escola, por transmitir aos máis pequenos os valores de igualdade, liberdade e dignidade humana.
Estamos xuntos, polo tanto, pais, nais e educadores, na fermosa tarefa de conseguir que nenos, nenas, mozos e mozas sexan quen de desenvolverse social, intelectual e emocionalmente sen estar condicionados polas ideas sexistas dos estereotipos de xénero.
Tanto a literatura coma o cine, ademais de entreter, son dous elementos fundamentais de socialización e de descubrimento da identidade persoal. Transmiten ideas, crenzas, valores sociais, pautas de comportamento e maneiras de ser que poden axudar a construír a identidade das mulleres e homes de mañá.
Tradicionalmente, a través dos contos inculcábanse valores dominantes e perpetuábanse roles sexistas e relacións de poder entre os xéneros que anteriores xeracións chegaron a entender coma “normais”.

Sen embargo, se queremos construír unha sociedade máis igualitaria, debemos coidar que as  lecturas infantís e xuvenís que descubrimos aos máis cativos rompan con esas  ideas estereotipadas sobre mulleres e homes.

A biblioteca escolar quere poñer á vosa disposición unha selección de contos, películas e relatos infantís e xuvenís que presentan maneiras máis igualitarias de construír o noso futuro e que amosan unha visión do mundo baseada na igualdade, a tolerancia, o respecto e a liberdade. Un mundo onde nenas e nenos poidan escoller os seus soños e ilusións en igualdade de oportunidades.

As temáticas son variadas: ruptura de roles e estereotipos de xénero, grandes mulleres na historia, prevención da violencia de xénero, diversidade familiar, identidade e orientación sexual, educación afectiva, educación emocional, autoestima ... A súa calidade está garantida, pois foi elaborada despois dunha lectura atenta e a partir das recomendacións de revistas e institucións especializadas.

Apetécevos coñecelas? Solicitade a vosa mochila violeta!

As MOCHILAS VIOLETAS, cargadas coa nosa selección de lecturas non sexistas e coeducativas, están á vosa disposición na biblioteca do centro. Están clasificadas por idades e podedes solicitalas cubrindo o cuestionario que recibistes estes días na casa ou mediante un e-mail a equipobiblio@gmail.com.

Podedes coñecer as lecturas seleccionadas para cada franxa de idade así como colaborar a enriquecelas coas vosas suxestións a través dos nosos taboleiros de Pinterest (https://es.pinterest.com/clegendi/)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN