Educar en igualdade é educar dende a diferenza.
É por iso que, dende
as primeiros anos de vida debemos esforzarnos, familia e escola, por transmitir
aos máis pequenos os valores de igualdade, liberdade e dignidade humana.
Estamos xuntos, polo tanto, pais, nais e educadores, na fermosa tarefa de
conseguir que nenos, nenas, mozos e mozas sexan quen de desenvolverse social,
intelectual e emocionalmente sen estar condicionados polas ideas sexistas dos
estereotipos de xénero.
Tanto a literatura coma o cine, ademais de entreter, son dous elementos
fundamentais de socialización e de descubrimento da identidade persoal.
Transmiten ideas, crenzas, valores sociais, pautas de comportamento e maneiras
de ser que poden axudar a construír a identidade das mulleres e homes de mañá.
Tradicionalmente, a través dos contos inculcábanse valores dominantes e
perpetuábanse roles sexistas e relacións de poder entre os xéneros que
anteriores xeracións chegaron a entender coma “normais”.
Sen embargo, se queremos construír unha sociedade máis igualitaria, debemos coidar que as lecturas infantís e xuvenís que descubrimos aos máis cativos rompan con esas ideas estereotipadas sobre mulleres e homes.
A biblioteca escolar quere poñer á vosa disposición unha selección de
contos, películas e relatos infantís e xuvenís que presentan maneiras máis
igualitarias de construír o noso futuro e que amosan unha visión do mundo
baseada na igualdade, a tolerancia, o respecto e a liberdade. Un mundo onde
nenas e nenos poidan escoller os seus soños e ilusións en igualdade de
oportunidades.
As temáticas son variadas: ruptura de roles e estereotipos de xénero,
grandes mulleres na historia, prevención da violencia de xénero, diversidade
familiar, identidade e orientación sexual, educación afectiva, educación
emocional, autoestima ... A súa calidade está garantida, pois foi elaborada
despois dunha lectura atenta e a partir das recomendacións de revistas e
institucións especializadas.
Apetécevos coñecelas?
Solicitade a vosa mochila violeta!
As MOCHILAS VIOLETAS, cargadas coa
nosa selección de lecturas non sexistas e coeducativas, están á vosa
disposición na biblioteca do centro. Están clasificadas por idades e podedes
solicitalas cubrindo o cuestionario que recibistes estes días na casa ou mediante un e-mail a equipobiblio@gmail.com.
Podedes coñecer as lecturas
seleccionadas para cada franxa de idade así como colaborar a enriquecelas coas
vosas suxestións a través dos nosos taboleiros de Pinterest (https://es.pinterest.com/clegendi/)
No hay comentarios:
Publicar un comentario