29/11/11

15 artistas contra a violencia de xénero

Dende esta mañá os nosos corredores están engalanados coa exposición Cartas de Amor, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade e que está a percorrer moitos moitos centros educativos galegos con obras dos seguintes artistas: Miguel Calatayd, Patricia Castelao, Jack Mircala, Fausto, J. Méndez, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai.





Unha exposición que "pretende facer reflexionar aos adolescentes sobre a existencia da violencia nos seus xeitos de relacionarse, axudar a detectala e a eliminala".




A partir da observación de cada unha destas pezas artísticas e da irremediable reflexión que cada unha delas vos provoque, queremos invitarvos a participar no Concurso de Relatos "Cartas de Amor" do cal vos presentamos as bases:








Ánimo escritores e escritoras, alumnos, ex-alumnas, pais, nais, profes, persoal de cociña e administración ... poñede as vosas plumas a traballar, que o prazo remata o 16 de decembro!!!!



Ah! E se non vos podedes acercar a visitar a exposición, aquí tedes as obras expostas para poder saborealas e inspirarvos dende a casa.

21/11/11

Podían pasar, e pasaron!

POR FIN chegou ás librerías o Libro II de Mil cousas poden pasar.


Despois de máis dun ano de espera, podemos dicir que pagou a pena.


Todas as preguntas sen resposta que nos deixaba Jacobo no libro I quedan aclaradas, e pasarán, alomenos, mil cousas máis!



Desta vez seguiremos simultáneamente tres historias (ou tal vez máis!!!),



  • seremos testemuñas do que acontece na vila de Nil na ausencia de Lina e Pouco: o cambio de vida de dona Numerosa, as novas responsabilidades de Propicio, as interesantes conversas dos mortos no camposanto ou os progresos musicais da banda de don Torsón.


  • presenciaremos os ensaios de tuba de Hedión no Pantano Onde Non Amañece e o seu perverso plan para acabar con Pouco.


  • e percorreremos a difícil viaxe de volta á vila de Nil de Lina e Pouco, chea de aventuras incribles e criaturas faladoras que intercalarán pequenas noveliñas gráficas que nos axudarána comprender mellor a historia e os seus personaxes.


En canto abras a primeira páxina non serás quen de deixar de ler. Atoparáste con reis asasinos, unha serpe tragaldeas, xoias con forma de pastel, pasteis que rompen dentes, duros coma o cemento, un porco sabio, unha nova receita: cocido de can... , potentes e escuras melodías e un durísimo duelo de tubas.


Pero nada máis vos podemos contar, pois sabemos que os rapaces de 3º están a ler o Libro I e non queremos desvelarlles nada do que está por pasar, pois sabemos que lles deixará coa boca aberta.



Eso sí, non deixedes de visitar o blog de Mil cousas poden pasar, no que Jacobo Fernández invita a participar a todos os nenos que len, escriben e debuxan, ou sexa, VOS MESMOS!. Alí atoparedes moitas das ilustracións dos libros I e II e tamén fermosos traballos e debuxos feitos por rapazas e rapaces coma vos.



Animádevos, pequenos blogueiros, a ler, escribir, e debuxar con Jacobo.

PASEN E VEXAN