24/09/11

TEMPO DE CRISE

Din os dicionarios de grego antigo que a crise é o momento de tomar unha decisión, de escoller un camiño, incluso, falando de mediciña, a crise é ese momento decisivo dunha enfermidade a partir do cal pode comezar a melloría ou o definitivo empeoramento.

Estamos en tempo de crise, os medios de comunicación nolo recordan a diario, e os rapaces xa incorporaron ao seu vocabulario esta nova palabra, que xustifica cada unha das renuncias ás que se están vendo forzadas moitas familias.

Debemos pensar que despois da crise virá a melloría e que, unha vez superada, seremos diferentes, mellores e máis fortes. Como lle pasou a Georgina.

Georgina, a rapaza que protagoniza esta novela infantil, está vivindo unha durísima situación por mor da crise: papá marchou da casa, mamá non pode pagar o aluguer, Toby, mamá e máis ela levan xa varios días vivindo no coche. Sinten vergoña de acodir á escola case sen asearse, de comer as sobras que mamá trae do traballo, de ter que buscar cada noite un lugar discreto onde aparcar o seu coche-casa para durmir.
Georgina busca desesperada unha salida, un xeito de conseguir os cartos necesarios para volver a ter un teito baixo o que vivir. Que vos parece a súa idea? Decide secuestrar o can dunha familia rica para logo cobrar a recompensa que ofrezan a quen o atope.
Nada lle sairá como esperaba, pois case nunca resultan as cousas tan doadas como un as imaxina.
Pero non o dubidedes, Georgina e a súa familia sairán desta crise.

Imaxinades como? Tedes que lelo!


Aqui vos deixamos o recurso para traballar esta lectura na aula.

20/09/11

CURSO 2011-2012



Benvidos e benvidas a un novo curso escolar.

Mañá día 21 abre de novo as súas portas a biblioteca do cole. Agárdanvos interesantes novidades, así que preparade os carnés de lectores.
Lembrade que contamos cunha caixa de correos para que deixedes todas as vosas suxestións de compra de libros e material audiovisual.

PASEN E VEXAN