24/9/11

TEMPO DE CRISE

Din os dicionarios de grego antigo que a crise é o momento de tomar unha decisión, de escoller un camiño, incluso, falando de mediciña, a crise é ese momento decisivo dunha enfermidade a partir do cal pode comezar a melloría ou o definitivo empeoramento.

Estamos en tempo de crise, os medios de comunicación nolo recordan a diario, e os rapaces xa incorporaron ao seu vocabulario esta nova palabra, que xustifica cada unha das renuncias ás que se están vendo forzadas moitas familias.

Debemos pensar que despois da crise virá a melloría e que, unha vez superada, seremos diferentes, mellores e máis fortes. Como lle pasou a Georgina.

Georgina, a rapaza que protagoniza esta novela infantil, está vivindo unha durísima situación por mor da crise: papá marchou da casa, mamá non pode pagar o aluguer, Toby, mamá e máis ela levan xa varios días vivindo no coche. Sinten vergoña de acodir á escola case sen asearse, de comer as sobras que mamá trae do traballo, de ter que buscar cada noite un lugar discreto onde aparcar o seu coche-casa para durmir.
Georgina busca desesperada unha salida, un xeito de conseguir os cartos necesarios para volver a ter un teito baixo o que vivir. Que vos parece a súa idea? Decide secuestrar o can dunha familia rica para logo cobrar a recompensa que ofrezan a quen o atope.
Nada lle sairá como esperaba, pois case nunca resultan as cousas tan doadas como un as imaxina.
Pero non o dubidedes, Georgina e a súa familia sairán desta crise.

Imaxinades como? Tedes que lelo!


Aqui vos deixamos o recurso para traballar esta lectura na aula.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

PASEN E VEXAN