13/6/11

As outras historias, Paula Carballeira


Non todas as historias teñen que falar de princesas fermosas, de pantasmas malvados, de nenos valientes ou de mundos máxicos e lonxanos.
Paula Carballeira ben o sabe e, por iso, escribiu esta recopilación de As outras historias. Se miras os seus títulos podes enganarte, atoparás princesas, pantasmas, nenos, animais, mares lonxanos e mundos fantásticos pero, en canto leas a primeira delas, comprenderás que non son as de sempre, non.

13 relatos curtos, nunha linguaxe sinxela e á vez musical e poética, todos eles cunha breve introdución que che prepara para cada conto. Coma a fermosísima Historia do amigo que marcha que Paula vos presenta así:


"Se che gustan os contos de viaxes...

Isto é outra historia para quen quere descubrir outras
terras

e non sabe que é tan fácil

como mirar ós ollos

de quen vén delas"



Todas elas fermosas e distintas, claro, porque son as outras. Algunhas vos divirtirán ("Pois había unha vez..."), outras vos farán pensar ("Historia da nena cos zapatos rotos"), outras vos farán arrepiar ("Historia dunha noite de medo"), e, de seguro, todas vos gustarán.


Dígovos mais, non vos chegará con lelas unha soa vez, pois son deses contos que apetece reler e incluso memorizar para logo contarllos a quen vos queira escoitar.


Un libro fermoso, ilustrado por Xosé Cobas, que remata animándovos a seguir buscando moitas outras historias que ler:



Será que de tanto ler

e ter os ollos abertos

ti

que vives aquí

sentes coma unha febre

de querer saír correndo

para buscar outros contos,

historias de piratas,

de aventuras,

de misterio,

de enxeño,

de animais,

de feitizos,

de meigallos,

de ameazas,

de calquera cousa que acenda unha luz

e abra unha porta para saír da casa

e tinxa o mundo da cor vermella

que teñen os soños

da xente pequena?


Temos que invitar a Paula a que veña por A Baña e nos conte estas historias, e outras...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN