31/5/11

TÚ, Charles Benoit



Chega á nosa biblioteca unha novela de Charles Benoit dirixida a lectores novos e adultos. O seu título é tan directo como o contido da mesma: TÚ.


Empregando un orixinal punto de vista narrativo, a 2ª persoa, o autor mergúllanos na mente de Kyle Chase, un adolescente de 4º de ESO, de aspecto anodino (pantalóns vaqueiros, sudadeira con capucha) e resultados escolares mediocres. Houbo un tempo no que destacaba polas súas notas, pero na actualidade vai cara ao fracaso levado pola súa propia rebeldía. A violencia, o medo, a incomprensión, a indecisión, a dor, a traizón, o amor (por suposto), a amizade... mestúranse ao longo do relato, trazando un retrato moi realista dese universo que enche a existencia de Kyle.


Probablemente non nos sintamos identificados co protagonista, pero de seguro que pasará a formar parte do listado de personaxes inesquecibles que cada lector posúe. Por exemplo, eu vou situar a Kyle xunto a Holden Caufield (O vixía entre o centeo, J:D: Salinger), non só por idade, rebeldía, etc., senón por un rasgo que os dous comparten e resulta conmovedor: o seu amor pola irmá pequena. Nas dúas novelas os momentos en que os protagonistas, Kyle e Holden, conviven ou falan coas irmás (Paige e Phoebe, respectivamente) supoñen un remanso de tenrura e tranquilidade.



Le as primeiras páxinas da novela e opina. Como podes comprobar neste vídeo, esta novela é perfecta para un club de lectura.

1 comentario:

PASEN E VEXAN