17/1/11

UNHA VOZ BREVE


No ano 1996 a literatura galega, e todos nós, perdimos unha voz fermosa e sensible, valente e próxima, unha voz que foi encasillada por algúns de maldita, unha voz que coñeceu o amor, o sufrimento, o desexo e a morte. Era unha voz única, moi persoal, creada a partir de vivencias e de lecturas, de experiencias e de reflexións.

Estou a falar de Lois Pereiro, escritor e ávido lector (Manuel Antonio, Paul Valéry, Leopoldo Panero, Octavio Paz, Juan Ramón Jiménez, J. P. Sartre, Dylan Thomas, Goytisolo, Kierkegaard, Schopenhauer e un longo etcétera); un poeta especial que nos deixou unha obra breve, pero intensa.

O Día das Letras Galegas deste ano 2011 está dedicado a el e á súa obra. Nos seus libros Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), atopamos profundos poemas sobre a perplexidade de estar vivo, a pesar da enfermidade, e a ledicia e a responsabiblidade que iso supón, fermosísimos poemas de amor e outros dedicados aos seres queridos que xa morreron.

Un deses poemas de amor está inspirado na película Brief encounter do director David Lean, unha romántica historia de amor imposible.

BREVE ENCONTRO

Sobrevoabas un día o meu espacio aéreo
rozándome coas plumas levemente
e desaparecías cun rumor minguante
como a visión dun soño
fracasado.

Serán moitas as homenaxes que este ano se celebren arredor da figura de Lois Pereiro, pero nada como a propia voz do poeta para falar da súa obra.

Muzicons.com

E nada como os seus propios manuscritos e o seu epitafio para achegarmos á súa personalidade.

"Cuspídeme enriba cando pasedes

por diante do lugar onde eu repouse,

enviándome unha húmida mensaxe

de vida e de furia necesaria"

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN