24/1/11

Explícallo cun conto!


Hai cousas tan difíciles de explicar aos máis cativos que, cando atopamos un conto que consegue facer comprensible unha desas incómodas ou dolorosas situacións adultas, non podemos deixar de recomendalos. Lecturas que consideramos indispensables para ler, mirar e comentar en aulas e fogares. Lecturas que, de seguro, emocionarán tanto aos que están a vivir situacións similares coma aos que son sensibles testemuñas das mesmas.

Hoxe presentámosvos dous fermosos traballos da autora e ilustradora Belga Claude K. Dubois.

Una historia a dos fala da difícil relación dunha nena con seu pai despois de que este abandonase o fogar familiar.

Julia está furiosa, non comprende, quere esquecer o inesquecible e mentres, papá tenta facer o mesmo: continuar coa súa vida sen ela.
Ningún dos dous o consegue, ningún dos dous é feliz.
Pero todo cambia cando un día de primavera se cruzan pola rúa.

Un relato breve e sinxelo, cargado de sentimentos a flor de pel que as ilustracións nos amosan case sen necesidade de palabras.


Mi abuela tiene... aborda con tenrura e naturalidade a fermosísima relación entre unha avóa e unha neta ata que a enfermidade de Alzheimer cambia as súas vidas. As sinxelas rutinas das que gozaban sempre xuntas son un marabilloso retrato da complicidade e o enorme afecto que existe entre elas. O xeito en que a nena é quen de asumir os cambios no carácter da avóa e de invertir os roles desa peculiar parella é unha preciosa lección de AMOR incondicional que as ilustracións, unha vez máis, nos amosan sen necesidade de demasiadas palabras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN