28/11/10

O QUE PINTA É PINTOR

O pasado xoves pechamos as actividades do Expocómic 2010 cun invitado de excepción: David Pintor, ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor. Traballa co guionista Carlos López baixo o pseudónimo de Pinto & Chinto; as súas tiras cómicas aparecen todos os días nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia. Eles son tamén os creadores do personaxe de cómic Tito Longueirón, un atleta moi singular e divertido.

Acaban de publicar en Kalandraka un libro delicioso Contos para nenos que dormen deseguida, 28 relatos curtos cheos de humor e fantasía.

Ademais David Pintor foi elexido pola empresa italiana de xoguetes Città del Sole, para ilustrar o calendario do 2011 co que agasallará aos seus clientes. David explicounos que a súa intención fora transmitir diferentes sensacións en cada época do ano: a calor do verán, o vento do outono, o frío do inverno, a luz da primavera, variando as tonalidades nas ilustracións de cada mes. E este foi o resultado:

David falounos tamén da súa paixón viaxeira. Froito desa afición naceu o seu álbum Cidades de papel, unha obra fermosa e evocadora que nos transporta a lugares marabillosos como Praga, Londres, París, Niza, Santorini, Barcelona, O Cebreiro, Ribadeo, Fisterra... e Compostela, cidade á que dedica un novo álbum que está a piques de chegar ás librerías, e que agardamos con impaciencia.


Moitísimas grazas, David, por compartir con todos nós o teu traballo (e pola dedicatoria!).

26/11/10

De oficio, ilustrador

Os alumnos de Primaria coñeceron este mércores un novo oficio: ilustrador.
Óscar Villán foi o seu ilustre guía.
Si, Óscar, o creador dos carteis de Hora de Ler que adornan todas as nosas aulas, dos sinais que nos levan á biblioteca dende calquera lugar deste laberíntico cole e de álbumes tan fermosos e inesquecibles coma
Con el aprendimos que nada se consegue sen esforzo e que no debuxo, como en calquera outra actividade, hai que intentar moitas veces unha cousa para conseguir por fin o que queremos.
Aquí tedes a reportaxe gráfica da súa visita.

Moitas grazas, Óscar, por compartir con nós a túa arte.

22/11/10

"Moncho e a mancha" con Kiko Dasilva

Hoxe os pequechos de Educación Infantil encheron a biblioteca de creatividade. Despois de escoitar engaiolados o conto de Kiko aprenderon con el a atopar fermosas figuras agochadas dentro dunha sinxela mancha.

Aquí tedes a reportaxe gráfica desta creativa mañá. Comprobaredes que son todos uns artistas!



MOITAS GRAZAS, KIKO, e ata pronto!

20/11/10

O labor do tradutor


Isabel e Xavier, originalmente cargada por arslegendi.

O luns 15 inauguramos as actividades do Expocómic 2010 coa visita de Xavier Senín e Isabel Soto, os tradutores que lle están a poñer a voz en galego aos irreductibles galos nas súas últimas entregas.
Unha interesantísima e divertida charla na que todos aprendimos moito

  • sobre o labor, moitas veces esquecido, dos tradutores,
  • sobre a historia dos personaxes e as súas primeiras versións en galego (sabiades que foi nada menos que Blanco Amor o seu primeiro tradutor?)
  • sobre as numerosas dificultades coas que se atopan para trasladar os textos ao galego,
  • sobre o seu xeito de adaptar nomes parlantes e frases feitas,
  • sobre a rigorosa supervisión que fai Uderzo de todas as traducións das súas obras,
  • sobre como traballar en equipo e contra reloxo
  • sobre a paixón pola literatura e a fermosa profesión de traducir á nosa lingua.

Moitas grazas, Isabel e Xavier, de seguro que máis dun membro do público saiu namorado da vosa profesión.

17/11/10

TODOS SABEMOS DE CÓMIC


Durante este mes de novembro TODOS, no CPI de A Baña, vivimos nunha viñeta.

Porque en todos os niveis e dende case todas as áreas do currículo estamos a ler, a gozar e a traballar con cómics.
Astérix e as súas aventuras foron o punto de partida para que nos puxésemos mans á obra e, nesta primeira mostra fotográfica, tedes gran parte do resultado:

  • Debuxos dos personaxes de cómic preferidos polos máis pequenos
  • Creación de aventuras de novos superheroes
  • Paneis informativos sobre os personaxes das aventuras de Astérix
  • Murais sobre o cómic, a súa orixe e tipoloxía
  • Impresionantes reproduccións de Astérix e Obélix a tamaño xigante
  • Mapas do mundo percorrido polos intrépidos galos nas súas aventuras
  • Unha liña do tempo dos máis famosos personaxes de cómic e os acontecementos históricos contemporáneos a eles
  • Un mundo de onomatopeas en inglés e francés
  • O teorema de Tales empregado coma poción máxica de axigantamento
  • Acertixos cos toleiráns números dos romanos
  • Reproducións en madeira dos nosos protagonistas
  • Recreacións das súas aventuras a base de manipular con moita sorna os seus diálogos
  • Un recordo para os humor gráfico galego
... e un longo etcétera.
Todo isto acompañado das últimas novidades en cómic para os máis pequenos, cómic de humor, de historia, de superheroes, da vida mesma...





Prestade atención ao blog nestes días, artistas!

Continuaremos a publicar imaxes de todos os vosos traballos.

15/11/10

Expocómic 2010

Todo está preparado, os corredores do noso centro están engalanados para celebrar, como cada ano, o noso Expocómic.
Para que vaiades abrindo boca, aquí tedes o programa das actividades nas que ides participar TODOS durante este mes así como as biografías e obras máis destacadas dos nosos ilustres invitados.
Moi pronto poderedes contemplar a reportaxe gráfica da exposición, cos vosos fermosos e traballados murais e coas últimas novidades en banda deseñada.
Non sexades impacientes!

09/11/10

Fabricando sorrisos

Hai persoas que, incluso nas situacións máis complicadas, son capaces de arrincarnos un sorriso. Se tedes cerca alguén así, non o deixedes escapar...

Este fermoso vídeo vai dedicado a todos os que cren no máxico poder terapéutico dun sorriso sincero.


Validation in Spanish from Frank Rgz on Vimeo.


E se vos animades a poñelo en práctica nas aulas, este interesantísimo libro espera ansioso por vos:

PASEN E VEXAN