28/11/10

O QUE PINTA É PINTOR

O pasado xoves pechamos as actividades do Expocómic 2010 cun invitado de excepción: David Pintor, ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor. Traballa co guionista Carlos López baixo o pseudónimo de Pinto & Chinto; as súas tiras cómicas aparecen todos os días nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia. Eles son tamén os creadores do personaxe de cómic Tito Longueirón, un atleta moi singular e divertido.

Acaban de publicar en Kalandraka un libro delicioso Contos para nenos que dormen deseguida, 28 relatos curtos cheos de humor e fantasía.

Ademais David Pintor foi elexido pola empresa italiana de xoguetes Città del Sole, para ilustrar o calendario do 2011 co que agasallará aos seus clientes. David explicounos que a súa intención fora transmitir diferentes sensacións en cada época do ano: a calor do verán, o vento do outono, o frío do inverno, a luz da primavera, variando as tonalidades nas ilustracións de cada mes. E este foi o resultado:

David falounos tamén da súa paixón viaxeira. Froito desa afición naceu o seu álbum Cidades de papel, unha obra fermosa e evocadora que nos transporta a lugares marabillosos como Praga, Londres, París, Niza, Santorini, Barcelona, O Cebreiro, Ribadeo, Fisterra... e Compostela, cidade á que dedica un novo álbum que está a piques de chegar ás librerías, e que agardamos con impaciencia.


Moitísimas grazas, David, por compartir con todos nós o teu traballo (e pola dedicatoria!).

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN