14/6/10

DELICIA SALGADA

A francesa Anna Gavalda xa nos ten afeitos a escribir historias que van directas ao corazón (Xuntos e máis nada, El consuelo). Nesta ocasión achéganos a unha nova visión das relacións familiares. En La sal de la vida (Seix Barral) / Unha bonita escapada (Galaxia) asistimos ao rencontro dos irmáns Simon, Lola e Garance (a narradora) para asistir a unha aburrida voda familiar. A ausencia do irmán pequeno, Vincent, lévaos a fuxir do compromiso social para ir xunto el e así revivir a  complicidade das pasadas aventuras da infancia. Na historia mestúranse as referencias a maio do 68 (na figura dos pais), a familia política (na figura da insoportable cuñada), o divorcio, os fillos, a inestabilidade sentimental, e mesmo a tenrura que inspira un can abandonado. Pero non é unha lectura carente de bo humor e de esperanza, a pesar dos problemas que, como adultos, cada irmán debe afrontar. Será que a vida é máis doada cunha banda sonora tan peculiar como a que escoitan os irmáns no coche: Cindy Lauper, Yves Montand, Nina Simone...?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN