13/6/10

De premio en premio


Percorrer o Paseo dos buxos da Illa de San Simón é un pracer para recordar e, se ademáis tes a sorte de asistir á entrega dos Premios Xerais, a satisfacción é dobre. (Grazas Isa, pola invitación.)

Onte dúas escritoras novas e moi prometedoras recibiron emocionadas o recoñecemento á súa creación literaria:

1. O Premio Merlín, que este ano celebraba a súa vixésimoquinta edición, recaeu en Teresa González Costa e a súa obra A filla do ladrón de bicicletas.

2. e o Premio Xerais de novela foi concedido por unanimidade a Iolanda Zúñiga (algúns a coñeceredes por Vidas Post-it) e a súa obra Periferia.

Fina Casalderrey abriu o acto cunha carta a ese mago que da nome á máis antiga e prestixiosa colección de literatura infantil e xuvenil na nosa lingua e Fran Alonso e Manuel Bragado o pecharon coa convicción de que unha nova e potente xeración de escritores está a demostrar que a calidade literaria non ten patria nin lingua propia e que a boa literatura en lingua galega non está nin moito menos "ensimesmada".

Esperamos ansiosas a edición das dúas obras premiadas e, dende este pequeno recuncho, enviamos a nosa noraboa ás flamantes gañadoras!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN