11/5/10

Helen Garner (Geelong, Australia, 1942) é a autora dunha fermosa e impactante novela de tintes autobiográficos, titulada La habitación de invitados (Salamandra). As protagonistas son dúas mulleres, amigas dende hai máis de 15 anos, que afrontan unha terrible situación: o cancro terminal que devora a unha delas. O relato está contado en 1ª persoa por Helen, sensata, honesta e disposta a acoller a Nicola na súa casa e coidar dela mentres esta recibe un tratamento alternativo á medicina tradicional.
Pouco a pouco esas tres semanas que pasan xuntas pasan a convertirse nun inferno. Helen non comprende a confianza cega que Nicola amosa ante as promesas de curación da Clínica Theodore e os seus estrambóticos métodos.
Esta novela fala de amizade, pero sobre todo de loita en dúas direccións ben diferentes: Nicola loita contra a inminencia da súa morte e Helen contra a actitude desesperada da súa amiga. Ambas resultarán vítimas da cruel enfermidade.

Estamos ante unha lectura desgarradora, que emprega en ocasións o humor como única vía de escape posible. Esta novela de Garner non deixará indiferente a ninguén, pois a maioría de nós temos casos máis ou menos próximos, e igualmente dolorosos.

1 comentario:

  1. A min encantoume:
    http://trafegandoronseis.blogspot.com/2010/04/la-habitacion-de-invitados_07.html
    Saúdos

    ResponderEliminar

PASEN E VEXAN