4/2/10

SE O NOSO AMOR...

Resulta imposible elixir o mellor poema de amor da nosa literatura. É máis, é absurdo tentalo sequera. Xa que son tantas as composicións que nos fan sentir, gocemos de todas elas sen rexeitar ningunha.
Bernardino Graña escribiu xa hai tempo un fermoso poemario Se o noso amor e os peixes (1980), no que atopamos un canto ao desamor e á ausencia, con tintes de cotidianeidade.

En Padrón os alumnos do Instituto
imaxínanme alegre, docto e pulcro
e axiña han de saber que o catedrático
este animal fonético-semántico
soubo si prepararche á hora da cea
peixe e patacas con cebola e allo
mais sabendo de epítetos e léxicos
nunca soubo dicirche en xustas verbas
como o tes no teu pelo engaiolado
e han saber que o recordo é a pizarra
onde escribe despois de vir das clases
borra escribe e repite e non ve claro
outra vez raña o pelo que lle queda
fuma bebe pon lume a un pau de sándalo
e atopa así algún cheiro feminino
mais non sabe atopar no dicionario
a palabra ou sintagma con que anceia
reterte na súa casa todo o ano.

Pon o reló prás oito. Mañá cedo
vai a Padrón explica enche o encerado
de cousa vouga Ovidio o Ars Amandi
Juan de la Cruz o Cántico.

O malo é volver cando se sobe
os cinco pisos banzo a banzo e se abre
a porta e non estás e a casa o mundo
son vougo enteiro sen amor nin cántico.

Este e outros poemas atoparédelos en Poetízate, unha antoloxía de poesía galega a cargo de Fran Alonso, que está "pensada para ti, que non estás afeito a ler poesía" (p.11)


No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN