29/11/09

O DERRADEIRO IRMÁN, Nathacha Appanah

Mentras que todos coñecemos con detalle as terribles circunstancias do Holocausto xudeo durante a 2ª Guerra Mundial, bastante menos sabemos dos milleiros de refuxiados que, tentando escapar dunha morte segura nos campos de exterminio embarcaron en Europa rumbo a un país que os acollese. Penosísimas travesías que os levaron de porto en porto á espera da compaixón que moitas veces non chegaba.

Grazas a esta fermosa novela de Nathacha Appanah (publicada por Xerais na colección Fora de Xogo) coñeceremos a historia dun deses barcos, o Atlantic, que, cargado con 1.500 xudeos e rexeitado polo goberno de Palestina (entón de dominio británico), atracou no porto de Saint Louis, na illa Mauricio. Alí viviron confinados nunha prisión ata o final da guerra.
Só por coñecer e vivir estes feito da man dos protagonistas xa pagaría a pena ler esta novela pero nela atoparedes MOITÍSIMO MÁIS:


  • A durísima vida de Josh e a súa familia, víctimas da miseria, das terribles condicións climatolóxicas da illa, do alcohol e da violencia doméstica.
  • A fermosa amizade que xorde entre Josh e David a pesar das enormes barreiras culturais e lingüísticas que os separan.
  • A superación e a loita de Josh por fuxir da violencia, a través da educación e da cultura.
Unha fantástica lectura que emociona ao lector dende as primeiras páxinas á vez que lle descubre feitos históricos descoñecidos así como a cultura desa illa paradisíaca que case todos coñecemos só polos catálogos de viaxes.
Moi recomendable para profes de Xeografía e Historia e para coordinadores de clubs de lectura de ESO.

(Esta novela recibiu o recoñecemento de lectores e libreiros en Francia, outorgándolle os seguintes premios: Premio de Novela FNAC 2007, Premio dos lectores de L'Express 2008 e o Premio Cultura e Bibliotecas para todos 2008.)

26/11/09

O HOME QUE PLANTABA ÁRBORES

Jean Giono foi un escritor francés comprometido coa humanidade e coa defensa da paz. A súa obra novelesca desenvólvese en gran parte en zonas rurais da Provenza. Así sucede nunha historia que escribiu en 1953 titulada L´homme qui plantait des arbres ( O home que plantaba árbores).
Segundo o propio autor, "o obxectivo deste escrito é facer amar as árbores, ou con máis precisión: amar prantar árbores (o que despois de todo é unha das miñas ideas máis prezadas)".
A historia conta, cun estilo moi lírico, a tarefa á que se dedicou Eleazar Bouffier ao longo de moitos anos. Tras perder o seu fillo e despois a súa muller, retirouse da convivencia en sociedade e comezou unha vida solitaria entregada a unha causa: plantar árbores. A lectura desta obra demóstranos que os actos aparentemente máis sinxelos (como seleccionar unha boa landra que plantar) poden cambiar o mundo.

O escritor remata a obra cunha defensa apaixoada do ser humano: "Cando penso que un só home armado unicamente dos seus recursos físicos e morais, foi capaz de facer xurdir dun ermo esta terra prometida, convénzome de que, a pesar de todo, o xénero humano é admirable"
Este relato foi adaptado como película de animación polo artista Frédéric Back en 1987. Pica na imaxe e verás o resultado.


Outro gran artista,


Jacobo Fernández,


é o ilustrador da edición publicada por Xerais,


con tradución de Ánxela Gracián.



Este fermoso libro está agardando por ti na biblioteca!

25/11/09

25 de Novembro



Presentación elaborada pola biblioteca escolar do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Outros materiais para traballar neste día:
  • Unidade didácticas elaboradas pola Junta de Andalucía para traballar nas aulas de ESO, e Primaria.
  • Unidade didáctica contra a violencia de xénero para todos os niveis educativos elaborada por Amnistía Internacional.

22/11/09

Para vós futuros xenios, que aínda non o sodes. Ou sí?


Jean-Bernard Pouy compilou as biografías de xenios destacados e recoñecidos ao longo da historia. Xenios polos que ninguén "daba un duro". Ou mellor dito : case ninguén, porque si repasamos as biografías de persoas como Dalí, Einstein ou Churchill, sempre aparecen persoas que sí apostaron ou apoiaron dalgunha forma a estes persoeiros.

E desta compilación saíu un título:

"Enciclopedia de malos alumnos y rebeldes que llegaron a genios"

O título en francés (idioma da versión orixinal) di moito máis da intención do autor:

"L'Encyclopédie des cancres, des rebelles et autres génies"
Literalmente: Enciclopedia de cangrexos ("rémoras"), rebeldes e outros xenios.
Captades a diferencia? Dado o sentido do humor co que Pouy rega os seus escritos, acaíalle mellor unha traducción menos formal.
E quen é Jean-Bernard Pouy?

Naceu o 2 de xaneiro de 1946, en París. Escritor máis adicado á novela negra, pero coa audacia de abarcar outros sectores.

Antes de chegar a ser escritor foi animador sociocultural nun instituto, profesor de debuxo, xornalista, ..., e algunha cousa máis. Espíritu inquedo.

A "Enciclopedia" en cuestión non está nada mal, e convén non perdela de vista, e non me refiro só aos alumnos.

E permítome aquí o luxo e a osadía de adicar (principalmente) esta modesta entrada a vós, alumnos de 1º B (Brais, Fran, Óscar, Miguel, Xosé Manuel, Adrián, Carlos e Gheorge, por orden de situación na aula). Estades demostrando que os retos, aínda que difíciles, non son imposibles de superar. Espero que a confianza que depositamos en vós non se vexa defraudada. Demostrádenos que sodes ou seredes uns xenios (ou case).

MÚSICA, MÚSICA, MÚSICA


Hoxe, 22 de novembro, día de Santa Cecilia, falemos de PAZ, de CULTURA e de IGUALDADE a través da música. Falemos de aqueles que cren en quimeras, que loitan cada día por acabar coas desigualdades, cos fundamentalismos, coa marxinalidade, coa ignorancia, o odio e a a violencia; de aqueles que traballan para contaxiar ao mundo de felicidade cunha única arma: A MÚSICA.

Tres fermosos exemplos:

  • FESNOJIV e o marabilloso traballo que están a realizar coa súa rede de orquestras infantiles e xuveniles en Venezuela.

  • A fundación Baremboin-Said, coa súa West-Eastern Divan Orchestra, integrada por músicos árabes e israelíes e que ten como propósito combinar o estudio e o desenvolvemento musical co coñecemento e a comprensión entre culturas que foron tradicionalmente rivais. Os xóvenes desta orquestra, unidos pola música, dan un fermoso exemplo de tolerancia e conviven sen dificultade e en perfecta harmonía a pesar de que os seus países estean en conflicto.

  • Musik Fund, unha fundación que recolle instrumentos nos países de Occidente, os repara e os leva a países en conflicto de África e Oriente Próximo. Alí non só poñen en marcha escolas de música, tamén forman maestros, luthiers e afinadores. (Tedes no semanal de El País de hoxe unha extensa reportaxe sobre esta fundación.)




A milonga del moro judío, interpretada por Jorge Drexler a partir do poema de Chicho Sánchez Ferlosio, resume o espíritu deste proxecto.


Hai que predicar co exemplo, así que, xa sabedes, a esquecer todos os pequenos conflictos e a celebralo con música!


;-)

16/11/09

UNHA HISTORIA DE AMOR

Hiromi Kawakami (Tokio, 1958), profesora de Bioloxía, é a autora de Sensei no Kaban ("O maletín do mestre"), a súa primeira novela publicada en España co poético título de "El cielo es azul, la tierra blanca. Una historia de amor". Os protagonistas son unha solitaria muller de 38 anos, Tsukiko, e o seu vello profesor de xaponés, o señor Matsumoto, xa viúvo, a quen ela chama o mestre. Ambos comparten o gusto pola bebida, especialmente o sake, e polas delicias da gastronomía xaponesa (atún con soja fermentada, raíz de loto salteada, chalota salada; gelatina de konjac, oreja marina con wasabi, cerdo con kimchi, tofu, miso...).
Tras varios encontros máis ou menos casuais, xorde o amor, malia a diferencia de idade. Pero non é outra historia de amor máis. Nesta novela asistimos ao nacemento dunha relación moi especial que se fundamenta na profundidade do sentimento, na demora nos tempos, na sutileza das accións, na beleza dos xestos ("Mientras el maestro me pasaba la mano por el pelo, yo bebía a pequeños sorbos") e especialmente no respecto polas rutinas e costumes do outro. Unha historia de amor que, en palabras da propia Tsukiko, é moi simple: "Me sentía feliz a su lado. Eso era todo". Na novela hai numerosas referencias poéticas relacionada cos haikus e autores como Basho ou S.Irako. A combinación de todos estes elementos fai desta obra unha lectura imprescindible. Neste enlace podes ler o primeiro capítulo.

O éxito acadado por esta fermosa historia fixo posible unha adaptación cinematográfica e unha versión manga do grande mestre Jiro Taniguchi.

12/11/09

ESME E O SEÑOR LINH

O respecto, a tenrura e a dor forman un extraño triángulo que convive harmoniosamente co paso do tempo, a admiración, a dozura, a enfermidade, a desolación e a soidade. Estas forzas que moven a realidade conflúen en dúas obras magníficas que emocionan e removen ao lector, tanto polo seu desenvolvemento como polos seus impactantes desenlaces.


La extraña desaparición de Esme Lennox é unha novela da escritora escocesa Maggie O'Farrell.
Na cidade de Edimburgo, o peche do hospital psiquiátrico provocará que Iris coñeza á súa tía avoa Esme, quen leva internada sesenta e un anos, desde que era unha adolescente. Paulatinamente imos coñecendo a relación que tiñan Esme e a súa irmá Kitty, a opresión da burguesía escocesa da época e as circunstancias que rodearon ese terrible encerro. A lectura desta obra, intensamente dramática, non deixa indiferente grazas á profundidade na caracterización dos personaxes e ao inesperado final.

Philippe Claudel é o autor da segunda recomendación: La nieta del señor Linh. A historia está protagonizada polo vello señor Linh e a súa netiña, chamada Sang Diu ("Doce mañá"). A guerra matou ao seu fillo e á súa nora, destrozou a aldea e a vida do señor Linh. Este ten que fuxir a outro país co bebé para tentar saír adiante. Enfróntase á soidade, ao frío e o medo, a unha cidade descoñecida, a un idioma que non é o seu... pero aínda así consegue a amizade do señor Bark, un viúvo que compartirá co vello penas e alegrías. A vida non será doada para o señor Linh, pero loitará con coraxe e determinación pola súa neta. Ao final da obra, atopamos de novo un desenlace conmovedor e inesperado. O estilo de Claudel é aparentemente simple, falsamente sinxelo; no fondo revela unha gran maestría no manexo da narración, conseguindo unha obra para todos os lectores, con corazón, eso si.

Estas dúas obras amosan unha gran sensibilidade respecto ao tema da enfermidade mental na vellez, e a soidade e incomprensión que carrexan. Ademais de lecturas máis que recomendables, resultan ser un material valiosísimo para achegarnos cos nosos alumnos a estas cuestións que soemos tratar de pasada.

08/11/09

Mecanoscrito da segunda orixe.



Novela escrita por Manuel de Pedrolo, novelista, dramaturgo, poeta e traductor catalán. Cultivou todos os xéneros literarios, pero ésta foi a súa primeira novela xuvenil. Para saber máis:

http://www.escriptors.com/autors/pedrolomde/pagina.php?id_sec=1877


A obra relata cómo Alba e Dídac teñen que se adaptar a un mundo convertido nun lugar inhóspito, tras sufrir unha invasión alieníxena. Terán que empezar de cero, sen nada, algo de comida e pouco máis. No medio dese inferno xurde o amor, que pasará a ser o eixe central da súa existencia.



Pola rede encontrei alguna noticia de que o director de cine Bigas Luna
estaba poñendo en marcha a adaptación da novela "El Mecanoscrit del Segon Orígen" .

Nunavut

Da man de Xoan Abeleira e Jacobo Fernández vos invitamos a coñecer a Nunavut e ao seu pobo, os inuit.

A traves das catro historias "O nacemento de Nunavut", "Un día de Caza", "O caribú namorado" e "Sedna, a deusa do mar" editadas por Xerais podemos adentrarnos na vida e costumes dese pobo fascinante que vive en comunión coa durísima natureza ártica. (Se pinchas nos enlaces podes acceder ao material elaborado pola editorial para traballar e aproveita aínda máis a súa lectura)



Nunavut é unha nena moi especial. A primeira pequena que sobrevive ao despiadado costume do seu pobo de abandonar ás nenas ao nacer e quedar só cos fillos varóns, supostamente máis fortes e preparados para a supervivencia.


Tal vez é por iso que ten valiosos e máxicos poderes coma o de comunicarse cos animais ou o de vaticinar e ser quen de cambiar o futuro nos seus soños.

Ao longo das diferentes aventuras que vive Nunavut e que nos narra dun xeito tan ameno Xoan Abeleira iredes coñecendo pouco a pouco a vida esquimal, organizada en torno á caza, á pesca e á supervivencia en cada estación do ano, respectando sempre as decisións da asemblea e os ciclos naturais de cada especie animal á que consideran tanto coma aos seres humáns.


Tamén aprenderedes o que significan un montón de palabras da súa lingua que o autor inclúe en cada capítulo nun útil e ameno glosario coma inuit, parka, qalgie ou angakok.


Coma sempre, as ilustracións de Jacobo, máxicas e tenras, convirten a nosa viaxe ás frías e lonxanas terras de Nunavut nunha experiencia inesquecible.

Unha valiosa lección de ecoloxía, unha viaxe fermosísima a terras árticas e ao tempo uns relatos que desbordan emoción e diversión a partes iguais.


Quen dixo que non era posible gozar e aprender á vez?

04/11/09

IN MEMORIAM FRANCISCO AYALA

"Ningún escritor que se precie debe usar otro instrumento de trabajo que la última máquina producida por la industria electrónica."


"Yo digo que la literatura es lo esencial, lo básico. Todo lo que no sea literatura no existe. Porque, ¿dónde está la realidad? Un árbol lo es porque uno lo está nombrando. Y al nombrarlo está suscitando la imagen inventada que teníamos. Pero si no lo nombras el árbol no existe." (El País)
"Desde mi minúscula y privatísima biblioteca infantil, he usado en mi vida adulta de muy varias bibliotecas y hemerotecas. Entiendo muy bien la necesidad de ellas: son imprescindibles" (Facebook Francisco Ayala)

01/11/09

TALENTO

O pasado mércores 28 recibimos a visita de Patricia e Daniel que quixeron compartir con nós o seu increíble talento para expresarse a través do debuxo.
Con eles aprendimos o tremendo esforzo que supón a creación de unha única ilustración, o traballa previo que require a elaboración de un cómic, as increíbles posibilidades das ferramentas tecnolóxicas ao servizo da expresión artística e sobre todo o fermoso que é escoitar falar da súa profesión a alguén que ama profundamente o seu traballo.

Aquí tedes unha pequena mostra do seu talento e do de todos os rapaces e rapazas que colaboraron con nós para convertir os corredores do noso cole nunha fermosa homenaxe ao cómic e a ilustración.

Expocómic 2009 on PhotoPeach



MOITAS GRAZAS A TODOS!

(Queremos dedicar esta entrada a todos os grandes e pequenos talentos que nos privan estes días da súa presenza por culpa desa gripe sen escrúpulos que lles está facendo padecer tanto ;-)

PASEN E VEXAN