29/11/09

O DERRADEIRO IRMÁN, Nathacha Appanah

Mentras que todos coñecemos con detalle as terribles circunstancias do Holocausto xudeo durante a 2ª Guerra Mundial, bastante menos sabemos dos milleiros de refuxiados que, tentando escapar dunha morte segura nos campos de exterminio embarcaron en Europa rumbo a un país que os acollese. Penosísimas travesías que os levaron de porto en porto á espera da compaixón que moitas veces non chegaba.

Grazas a esta fermosa novela de Nathacha Appanah (publicada por Xerais na colección Fora de Xogo) coñeceremos a historia dun deses barcos, o Atlantic, que, cargado con 1.500 xudeos e rexeitado polo goberno de Palestina (entón de dominio británico), atracou no porto de Saint Louis, na illa Mauricio. Alí viviron confinados nunha prisión ata o final da guerra.
Só por coñecer e vivir estes feito da man dos protagonistas xa pagaría a pena ler esta novela pero nela atoparedes MOITÍSIMO MÁIS:


  • A durísima vida de Josh e a súa familia, víctimas da miseria, das terribles condicións climatolóxicas da illa, do alcohol e da violencia doméstica.
  • A fermosa amizade que xorde entre Josh e David a pesar das enormes barreiras culturais e lingüísticas que os separan.
  • A superación e a loita de Josh por fuxir da violencia, a través da educación e da cultura.
Unha fantástica lectura que emociona ao lector dende as primeiras páxinas á vez que lle descubre feitos históricos descoñecidos así como a cultura desa illa paradisíaca que case todos coñecemos só polos catálogos de viaxes.
Moi recomendable para profes de Xeografía e Historia e para coordinadores de clubs de lectura de ESO.

(Esta novela recibiu o recoñecemento de lectores e libreiros en Francia, outorgándolle os seguintes premios: Premio de Novela FNAC 2007, Premio dos lectores de L'Express 2008 e o Premio Cultura e Bibliotecas para todos 2008.)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN