12/11/09

ESME E O SEÑOR LINH

O respecto, a tenrura e a dor forman un extraño triángulo que convive harmoniosamente co paso do tempo, a admiración, a dozura, a enfermidade, a desolación e a soidade. Estas forzas que moven a realidade conflúen en dúas obras magníficas que emocionan e removen ao lector, tanto polo seu desenvolvemento como polos seus impactantes desenlaces.


La extraña desaparición de Esme Lennox é unha novela da escritora escocesa Maggie O'Farrell.
Na cidade de Edimburgo, o peche do hospital psiquiátrico provocará que Iris coñeza á súa tía avoa Esme, quen leva internada sesenta e un anos, desde que era unha adolescente. Paulatinamente imos coñecendo a relación que tiñan Esme e a súa irmá Kitty, a opresión da burguesía escocesa da época e as circunstancias que rodearon ese terrible encerro. A lectura desta obra, intensamente dramática, non deixa indiferente grazas á profundidade na caracterización dos personaxes e ao inesperado final.

Philippe Claudel é o autor da segunda recomendación: La nieta del señor Linh. A historia está protagonizada polo vello señor Linh e a súa netiña, chamada Sang Diu ("Doce mañá"). A guerra matou ao seu fillo e á súa nora, destrozou a aldea e a vida do señor Linh. Este ten que fuxir a outro país co bebé para tentar saír adiante. Enfróntase á soidade, ao frío e o medo, a unha cidade descoñecida, a un idioma que non é o seu... pero aínda así consegue a amizade do señor Bark, un viúvo que compartirá co vello penas e alegrías. A vida non será doada para o señor Linh, pero loitará con coraxe e determinación pola súa neta. Ao final da obra, atopamos de novo un desenlace conmovedor e inesperado. O estilo de Claudel é aparentemente simple, falsamente sinxelo; no fondo revela unha gran maestría no manexo da narración, conseguindo unha obra para todos os lectores, con corazón, eso si.

Estas dúas obras amosan unha gran sensibilidade respecto ao tema da enfermidade mental na vellez, e a soidade e incomprensión que carrexan. Ademais de lecturas máis que recomendables, resultan ser un material valiosísimo para achegarnos cos nosos alumnos a estas cuestións que soemos tratar de pasada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN