10/9/09

Comeza a aventura!

Hoxe comezamos a aventura dun novo curso e, como aventureiros expertos que xa somos, traemos a nosa mochila preparada para calquera emerxencia:

  • Un botiquín de consellos para evitar contaxiarnos da gripe A,
  • lápices e gomas para traballar sen erros,
  • un cargamento enoooorme de mimos acumulados durante o verán,
  • un caderno de viaxe onde apuntar cada detalle da aventura que comezamos
  • e o noso carné de biblioteca, ansioso por levar para a casa as aventuras dos nosos heroes favoritos.

Xa que a biblioteca arrancará o curso co Expocómic, nada coma unhas fantásticas viñetas para abrir boca.

Nos dous primeiros volumes de El viaje de Darwin de José Fonollosa (a obra completa consta de 5 partes) viviremos de cerca as viaxes do xoven Darwin, un mozo namorado da natureza e a bioloxía que acabará revolucionando as teorías sobre a orixe das especies.


En Endurance, de Luis Bustos, coñeceremos o sufrimento extremo na loita pola supervivencia da tripulación do Endurance, o barco que capitaneou Ernest Shackleton en 1914 no seu intento de atravesar a Antártida a pé. Non o conseguiron e pasaron 22 meses aillados no continente branco, atrapados entre o xeo e case sen esperanzas de volver con vida á civilización. Unha aventura estarrecedora que non vos podedes perder.

E, por último, para aqueles aos que lles gusta preparar como é debido unha arriscada aventura, a Guía de supervivencia de Emi y Max será unha lectura fundamental...
Con esta guía non haberá viaxe que se vos resista e aprenderedes dun xeito divertido como sobrevivir na xungla, no deserto, no xeo, na sabana, na alta montaña, no bosque ou no mar, con centos de trucos para orientarvos, protexervos do perigo ou conseguir alimento ou auga.

FELIZ AVENTURA A TODOS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN