6/7/09

LECTURAS I


Rematou o curso e afogados entre papeleos burocráticos, avaliacións, memorias e festividades non tivemos case tempo de suxerir lecturas para estas vacacións.

Por iso, ainda que xa estamos todos de vacacións e este blog, ao igual que a nosa biblioteca, debería estar pechado ata setembro, imos aproveitar estes días de extraño verán sen sol para seguir falando de libros con quen siga conectado do outro lado do fío.

Comezamos con tres novelas para adultos coa infancia coma protagonista, unha intrigante, outra estarrecedora, a última, tenra e emotiva.


En Lo que perdimos, Catherine O'Flyn lévanos da man de Kate, unha nena solitaria de apenas 11 anos que xoga a ser detective dentro do centro comercial Green Oaks, a coñecer o seu pequeno mundo (un gran amigo, unha compañeira de clase que sofre malos tratos e un pai que pronto a deixará soa) e a sumerxirnos nesa especie de realidade paralela que representan os centros comerciais e que nos recorda tanto ao de A Caverna de José Saramago. Un centro que cativa cegamente aos que o visitan pero que esconde zonas escuras e perigosas nas que se verá atrapada a pequena Kate.




Tenemos que hablar de Kevin, de Lionel Shriver, é unha longa e impactante novela epistolar. 607 páxinas que recollen as cartas que Eva escribe ao seu marido Franklin para intentar comprender e superar a terrible experiencia da que é en certo modo protagonista. Seu fillo Kevin, de 17 anos, está na cadea por asasinar un fatídico xoves no seu instituto a 9 persoas cunha ballesta.

Eva vai repasando en cada carta todos os pequenos detalles da súa vida en común, dende o embarazo ata o día da matanza, buscando desesperadamente un porqué que non é quen de atopar. Unha lectura tremendamente dura e que provoca no lector unha profunda reflexión sobor da maternidade, a educación e a sociedade na que vivimos.



E despois do amargor, a doce e cálida lectura de La ternura del dragón de Ignacio Martínez de Pisón. Un relato breve e cativador sobre a convalecencia de Miguel, obrigado a gardar un prolongado repouso, na casa dos seus avós. Estamos na España da posguerra, e o rapaz, que vivía nun internado (seu pai morreu fatídicamente e súa nai é unha intrépida periodista que percorre o mundo na procura de emocionantes reportaxes) coñece por fin á súa familia, unha avóa dóce e agarimosa, namorada das flores, un avó misterioso, forte, alto case heroico, uns primos cos que comparte xogos e lecturas (Tintin, Verne, Stevenson...) e unha nai moi fermosa. Pero pronto intuiremos que os seus ollos de neno se equivocan, que o idílico mundo que o rodea ten outra cara menos novelesca e fantasiosa: a núa realidade na que non é tan fácil separar aos bos dos malos coma nun cómic de Tintin.
Tres lecturas deliciosas! Xa me contaredes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN