17/6/09

Tres desexos


Cantas veces desexaríamos ter un bolso onde gardar eses desexos inconfesables que nos preocupan, eses que non queremos que ninguén coñeza e que dificilmente se poden cumplir?

Raquel ten un bolso amarelo que recibiu da súa tía Brunilda e nel vai gardar eses tres desexos que as veces medran tanto que non a deixan respirar: o desexo de ser escritora, o desexo de medrar dunha vez e facerse maior e o desexo de ser un neno para poder facer todo o que non lle deixan facer por ser nena.

Como o bolso é grande tamén pode gardar alí a súa colección de nomes, ao galo Alfonso que fuxiu dun galiñeiro porque non lle gusta ser o xefe de nada, un imperdible abandonado que lle fala escribindo sobre a súa man e unha paraugas que quería ser paracaídas.

Cunha máxica mestura de crúa e non sempre fermosa realidade e aloucada fantasía somos testemuñas das aventuras e emocións que vivirá Raquel ata fabricar dúas cometas cos dous desexos máis incómodos (ser un neno e facerse maior). Cando as deixa voar lonxe no ceo, solta o fío e síntese lixeira, moi lixeira.
A escritora brasileira Ligya Bojunga, gañadora dos máis grandes galardóns da literatura infantil, Premio Andersen 1982 e o ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award) 2004, decidiu fundar coa contía deste último premio a Casa Lygia Bojunga, unha editora propia para a súa obra e unha fundación preocupada polo libro e por todo o que o libro pode facer de ben á nosa imaxinación. Unha fundación que patrocina a participación de rapaces e rapazas en roldas de lectura, dramatización e convivencia coa natureza, a dotación de literatura infantil para as bibliotecas que o soliciten ou a plantación de árbores.

Un fermoso descubrimento, a autora e a súa obra. Non a perdades!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN