10/6/09

Madrid, 6 de xuño, crónica dun premio.

Ás 10.00 horas da mañá do sábado 6 de xuño nos presentamos no CaixaForum de Madrid, un fermoso edificio no Paseo do Prado que nunca esqueceremos, felices, orgullosas e algo cansas (levantarse ás 5.00 da mañá pasa factura) para recoller o noso premio.

Escoitamos atentas as palabras do representante da Asociación Espiral organizadora dos III Premios Espiral Edublogs, de D. Antonio Pérez, Director do Instituto Superior de Formación e Recursos en Rede para o Profesorado (ISFTIC), do Ministerio de Educación e de Tiscar Lara, profesora de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid e Vicedecana de Cultura Dixital de EOI Escola de Negocios. Unhas palabras que nos enchen de orgullo cando se dirixen a nós como a vangarda educativa do país que se atopa na crista da onda do aproveitamento das TIC na escola.

Posteriormente, un café con pastas para calmar os nervios e coñecernos un pouco antes da entrega de premios.

De entre os máis de 800 blogs candidatos, por fin poñemos cara aos representantes dos 36 blogs galardonados, 6 deles galegos:

  1. Bibliocabe, da Biblioteca do IES Río Cabe de Monforte.

  2. La clase de las luciérnagas, da aula de 4 anos do CEIP Manuel Sieiro de Crecente.

  3. Ciclo superior de Mantemento Industrial do IES de Lalín.

  4. Producindo Planta, do IES de Arzúa.

  5. Tictiza, blog da aula de Lingua Castelá do IES Río Cabe de Monforte

  6. ARS LEGENDI, blog da nosa biblioteca escolar.

Rematado o acto e coa moral polas nubes (que ben sentan estas palabras de apoio, estos pequenos recoñecementos cando faltan as forzas) un paseíño polo parque do Retiro e unha visita á Feira do Libro onde nos topamos co sempre encantador e cercano Gonzalo Moure asinando libros, e a quen convencimos para vir visitar a nosa biblioteca no vindeiro curso.

Tamén vimos a Darek.... Quen dixo que non hai libros para todos os gustos? ...

Aquí tedes unha pequena reportaxe gráfica:

Premios Espiral Edublogs, Madrid 06-06-2009 on PhotoPeach




Dende Ars Legendi queremos compartir este premio con todas as bibliotecas escolares galegas, compañeiras de esforzos, loitas, soños, emocións e lecturas, e tamén coas incansables xefas da Asesoría de Bibliotecas ás que debemos a oportunidade de coñecernos, de compartir xenerosamente o noso saber e o noso traballo e de crear esta fermosa rede de "tolos" pola lectura, a educación e as bibliotecas.

3 comentarios:

  1. Noraboa e gracias por representar tan ben as bibliotecas de Galicia. Apertas dende Cervo:

    ResponderEliminar
  2. Sumámonos ás felicitacións de bibliocervo.Sempre resulta reconfortante que se recoñeza o traballo ben feito. Noraboa e seguide así.

    ResponderEliminar
  3. Moitísimas grazas polas vosas palabras e visitas. Bicos dende a Baña.

    ResponderEliminar

PASEN E VEXAN