Escoitamos atentas as palabras do representante da Asociación Espiral organizadora dos III Premios Espiral Edublogs, de D. Antonio Pérez, Director do Instituto Superior de Formación e Recursos en Rede para o Profesorado (ISFTIC), do Ministerio de Educación e de Tiscar Lara, profesora de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid e Vicedecana de Cultura Dixital de EOI Escola de Negocios. Unhas palabras que nos enchen de orgullo cando se dirixen a nós como a vangarda educativa do país que se atopa na crista da onda do aproveitamento das TIC na escola.
Posteriormente, un café con pastas para calmar os nervios e coñecernos un pouco antes da entrega de premios.
De entre os máis de 800 blogs candidatos, por fin poñemos cara aos representantes dos 36 blogs galardonados, 6 deles galegos:
- Bibliocabe, da Biblioteca do IES Río Cabe de Monforte.
- La clase de las luciérnagas, da aula de 4 anos do CEIP Manuel Sieiro de Crecente.
- Ciclo superior de Mantemento Industrial do IES de Lalín.
- Producindo Planta, do IES de Arzúa.
- Tictiza, blog da aula de Lingua Castelá do IES Río Cabe de Monforte
- ARS LEGENDI, blog da nosa biblioteca escolar.
Rematado o acto e coa moral polas nubes (que ben sentan estas palabras de apoio, estos pequenos recoñecementos cando faltan as forzas) un paseíño polo parque do Retiro e unha visita á Feira do Libro onde nos topamos co sempre encantador e cercano Gonzalo Moure asinando libros, e a quen convencimos para vir visitar a nosa biblioteca no vindeiro curso.
Tamén vimos a Darek.... Quen dixo que non hai libros para todos os gustos? ...
Aquí tedes unha pequena reportaxe gráfica:
Premios Espiral Edublogs, Madrid 06-06-2009 on PhotoPeach
Dende Ars Legendi queremos compartir este premio con todas as bibliotecas escolares galegas, compañeiras de esforzos, loitas, soños, emocións e lecturas, e tamén coas incansables xefas da Asesoría de Bibliotecas ás que debemos a oportunidade de coñecernos, de compartir xenerosamente o noso saber e o noso traballo e de crear esta fermosa rede de "tolos" pola lectura, a educación e as bibliotecas.
Noraboa e gracias por representar tan ben as bibliotecas de Galicia. Apertas dende Cervo:
ResponderEliminarSumámonos ás felicitacións de bibliocervo.Sempre resulta reconfortante que se recoñeza o traballo ben feito. Noraboa e seguide así.
ResponderEliminarMoitísimas grazas polas vosas palabras e visitas. Bicos dende a Baña.
ResponderEliminar