22/4/09

O CANTO DOS PEIXES, Marcos Calveiro

Marcos Calveiro (xa non firma co S. intermedio) volve a seducirnos na súa última obra editada por SM, O canto dos peixes, que ven de recibir o Premio Barco de Vapor 2008.
Unha historia de perdedores. De novo un vello e un neno, coma en Sari, de novo o mar coma telón de fondo. Pero desta vez non viaxamos no tempo nin no espazo. A cidade na que tentan sobrevivir ambos pode ser calquera das cidades costeiras do noso litoral. Unha cidade na que...

"é imposible ver o sol afundíndose na xerfa do horizonte. Impídeo unha borraxeira xofrada que inza todos o recantos do porto coma os raxos dun polbo pardento."

  • Ismael (un vello mariñeiro xubilado), escapa cada día da residencia onde se sinte prisioneiro para visitar o vello peirao de pedra onde permanece a súa dorna enlamada.
  • Xacobe distráese xogando entre os desperdicios do asteleiro antes de volver á súa chabola. Xa non vai á escola, ten que axudar a seu pai a recoller ferralla.
Ambos entablan unha fermosa amizade, Ismael añora o pasado, Xacobe non ten esperanzas de futuro. Pero as cousas van cambiar, a maxia dun vello esconxuro fará que...
"todos vexan de novo o sol afundíndose, cachazudo, na xerfa do horizonte."

Unha fermosa lectura para reflexionar sobre o progreso de espaldas á natureza, sobre o respecto polo mar, sobre a amizade por enriba das diferenzas de idade ou condición social.

Unha oportunidade tamén para rescatar do esquecemento o fermosísimo léxico que Calveiro manexa con tanta soltura e que fai da súa prosa inconfundible.
Un fermoso agasallo para o Día do Libro.

2 comentarios:

PASEN E VEXAN