2/4/09

Día do libro Infantil e Xuvenil 2009. Celébrao cun clásico! Celébrao cun cómic!


Hoxe hai 204 anos que naceu Hans Christian Andersen, autor de contos tan famosos e emotivos como "A vendedora de mistos", "O soldadiño de chumbo", "O patiño feo", "A Sereíña" ou "As zapatillas vermellas".

É por iso que a IBBY (Organización Internacional para o Libro Infantil e Xuvenil) decidiu sinalar este día como o Día do Libro Infantil e Xuvenil.


"Eu son o mundo, e o mundo son eu
porque a través dos meus libros
podo ser o que queira.

Palabras e debuxos, prosa e verso
trasládanme a lugares que están
lonxe e preto ao mesmo tempo..."

Así comeza a mensaxe para este día do ano 2009.

Para conmemoralo invítamosvos dende a biblioteca a ler aos clásicos pero dun xeito diferente, a coñecer a heroes da antiga Grecia, tráxicos namoramentos, viles conquistadores de mulleres inocentes, nobles cabaleiros, pícaros criados...

Trátase de adaptacións en forma de cómic desas pezas universais que ás veces parecen espertar unha intolerancia case patolóxica só con ser mencionadas. Lazarillo de Tormes, La Odisea, Don Juan Tenorio, Romeo y Xulieta e Tirante el Blanco son as 5 primeiras entregas desta colección de SM de clásicos en cómic.
5 magníficos ilustradores de sona internacional avalan a calidade desta fermosa colección:



Abraham Pérez Pérez co seu Don Juan Tenorio (adaptado por Begoña Oro).






Enrique Lorenzo co Lazarillo de Tormes (adaptado por el mesmo).






O arxentino Jorge González (autor da galardonada novela gráfica Fueye") con La Odisea de Homero (adaptada por Federico Villalobos)


O galego David Rubín con Romeo e Xulieta (adaptada por Ricardo Gómez)





E finalmente outro ilustrador galego, Miguel Porto, atreveuse con Tirante el Blanco (adaptada por el mesmo).
Historias emocionantes, estilos de ilustración moi diferentes, un placer para os amantes da letra e da imaxe e un reclamo que tal vez esperte o interese por coñecer as GRANDIOSAS obras orixinais nas que se inspiraron.


FELIZ DÍA DO LIBRO INFANTIL A TODOS, aos que loitades pola difusión e dignificación deste xénero literario, aos que posuides a maxia de escribir para nenos, aos que convertides en imaxe historias marabillosas e a todos os PEQUENOS LECTORES (os pequenos en idade e os que o sodes en espírito...) que gozades con cada historia nova que cae nas vosas mans.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN