10/1/09

A NOITE DA AURORA, Camilo Gonsar


A Aurora Boreal (ou Polar), é un brillo inusual que aparece no ceo nocturno. Trátase dun fermosísimo fenómeno físico que só pode ter lugar entre os meses de setembro e outubro, ou marzo e abril.

Segundo a lenda finesa, estes Revontuli, ou "fogos do raposo", producíanse cando os rabos dos raposos que percorrían os montes lapóns, se golpeaban contra montóns de neve. As faíscas que saían deses golpes reflectíanse espectacularmente no ceo. Os asiáticos mesmo pensan que quen presencia unha Aurora Boreal vivirá feliz o resto da súa vida. (Será por iso que a calidade de vida en Finlandia supera con creces a do resto de Europa?)

O escritor de Sarria, Camilo Gonsar, considerado un dos renovadores da literatura galega do século XX coa súa obra Cara a Times Square, e recentemente falecido, escribiu unha fermosa novela sobre unha noite de Aurora:
Un encontro casual de dous galegos en Reikiavic da lugar a que un deles, Lor, relate ao narrador da novela a historia dunha noite de Aurora, vivida máis de trinta anos atrás, pero que marcou o rumbo da súa vida.

Cunha prosa sinxela, sen artificios, Lor fainos partícipes da súa xuventude nunha vila da Galicia interior, cunha vida cómoda e sen complicacións, compartida cos seus dous grandes amigos: Boro e Cibias, e co cantineiro da estación do ferrocarril (o único local aberto ata altas horas da madrugada).
Nunha noite de Aurora, xuntos deciden dar un cambio ás súas vidas.
Un relato sobre a amizade, a forza da xuventude e a necesidade de cada un de escoller en solitario o seu propio destino.

Non deixedes de ler a Camilo e, se o conseguides, de presenciar unha noite de Aurora para logo vivir felices o resto das vosas vidas...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN