16/1/09

A CABEZA DE MEDUSA, Marilar Aleixandre

No ceo invernal de novembro, ao Norte, entre Casiopea e Taurus, podemos contemplar a constelación de Perseo, heroe clásico que para librar á súa nai, Danae, dos abusos do rei Polidectes, fíxose coa cabeza da terrible gorgona Medusa.

Segundo as Metamorfoses de Ovidio, Medusa foi unha fermosa sacerdotisa do templo da deusa Atenea. A ela entregara a súa castidade pero foi violada polo deus dos mares, Poseidón. Como castigo Atenea converteu os seus fermosos cabelos en serpes e fixo que calquera que mirase a súa cara quedase convertido en pedra.

Cruel e duro castigo para unha muller maltratada!

O heroe Perseo foi quen de decapitala e acabar coa súa condena. El entregou a cabeza de Medusa a Atenea quen a levará dende entón no seu escudo coma protección.


Inspirándose neste cruento mito grego, Marilar Aleixandre constrúe a narración da súa novela A cabeza de Medusa, onde relata a violación de dúas rapazas estudiantes de bacharelato e as dúas maneiras de superar e sobrevivir a tan durísima humillación.
Ambas afrontan o suceso como mellor poden pero o máis difícil é enfrontarse ao mundo que as rodea: pais, familia, policía, avogados, compañeiros de clase e de instituto, médicos, mestres, amigos e familia dos violadores.

Ambas, coma Medusa, semellan ser para algúns as culpables, pola súa indumentaria ou polo feito de se subir ao coche de dous descoñecidos para voltar á casa dunha festa. Para moitos outros está moi claro quen son as víctimas.
Pero elas só queren volver a vivir a súa vida de antes e esquecer, esquecer canto antes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN