21/11/08

PERIGOSA INFECCIÓN

Unha curiosa enfermidade infectou a biblioteca. Compañeiros, compañeiras, rapaces e rapazas, mantédevos ben lonxe, sede precavidos, non traspasedes as nosas portas.



O contaxio é case inmediato, a vacina ... non existe.
(Tal vez os alumnos de 4º PDC son os transmisores, no seu blog apreciamos os primeiros síntomas).

Atención compañeiros:

  • se sentides gañas de entrar na aula para falar sen descanso, cunha paixón desmedida e pouco usual.
  • Se vos costa respirar, apreixoados por un invisible pero incomodísimo corsé de burocracia e libros de texto.
  • Se tedes unha necesidade imperiosa de contar e escoitar, de escribir, de cantar, de buscar e descubrir, de apreixoar aos vosos alumnos con ciencias, artes, números, versos, fórmulas ou antigas batallas,

ESTADES CONTAXIADOS. Atención nenos, nenas, mozos e mozas:

  • se unha curiosidade sen límites vos aqueixa,
  • se impertinentes interrogantes acosan as vosas mentes (porque?, como?, cando?, onde?, para que?),
  • se vos emociona cada palabra, cada xesto, cada novo descubrimento, cada enigmática pregunta por resolver
    TAMÉN ESTADES CONTAXIADOS.

A biblioteca está enferma de romántica rebeldía, de gañas de romper incómodos moldes, dunha necesidade imperiosa de intentar cambiar o mundo cada día.



E conta coas máis poderosas e fermosas armas: As PALABRAs.


Permanecede alonxados, unha vez contaxiados, non ten cura.

1 comentario:

  1. Eu teño un antídoto. Acudide, leede, curioseade, criticade.. algunha canción di que as bibliotecas nos deron o poder, EMPREGUÉMOLO! Eu estou san, o antído é o contrario. E que siga a bola. Felicidades. Traballo xenial, xente mellor

    ResponderEliminar

PASEN E VEXAN