9/10/08

UN ÁRBOL CRECE EN BROOKLYN, Betty Smith

A tree grows in Brooklyn é o título orixinal da novela de Betty Smith (1943) que editou Mondadori (Lumen Narrativa) en maio deste ano. O título refírese a un tipo de árbore que, segundo a introdución do libro, crece no cemento, non precisa sol nin auga, case nin terra. Crece rodeado de lixo, loitando por sobrevivir. Así é Francie Nolan, a protagonista, unha mociña descendente de emigrantes irlandeses e austríacos. Vive cos seus pais e o seu irmán no Brooklyn dos anos 20. A súa existencia está marcada pola pobreza e a penuria, pero tamén polo gran amor que lle profesa ao pai e a complicada relación que ten coa nai. De maior quere ser escritora e a devoción pola lectura leva a Francie a ler todos os libros da biblioteca pública por orde alfabética. Pero a vida non é doada nesa época para quen nada posúe; e Francie, como a árbore, deberá medrar rodeada de miseria.

En 1944, o actor e director Elia Kazan (que foi compañeiro de Betty Smith en Yale) adaptou esta novela ao cine. En España o título orixinal da película foi traducido como "Lazos humanos". A cinta, de case dúas horas de duración, non recolle toda a historia de Francie, tal e como aparece na novela, rematando cunha escena que suxire un final esperanzador.


Aconséllovos, coma sempre, ler primeiro a novela e despois ver a película. Dese xeito teredes criterio para decidir cal preferides.




A edición de Mondadori coida especialmente a portada cunha preciosa ilustración do recoñecido ilustrador, fotógrafo e pintor norteamericano Norman Rockwell.

2 comentarios:

  1. Lin o libro hai uns meses e gustoume moito. Aínda que lembra tematicamente a "Las cenizas de Angela" é máis optimista. Moi recomendábel: así o fixen no noso blogue.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo comentario. Cando remate a morea de libros pendentes, irei polas "Cenizas de Ángela". Saudiños

    ResponderEliminar

PASEN E VEXAN