26/10/08

COLLEITA DE LIBROEIROS

Chegan á biblioteca as aventuras de O pequeno señor Paul (Xerais) con texto de Martin Baltscheit e as delicadas ilustracións de Ulf K. Esta edición reúne os dous libros que o autor escribiu sobre este personaxe, que adora os libros e le todos os días.

O libro presenta breves relatos moi orixinais e sorprendentes, que amosan unha mirada inxenua sobre a realidade, con moitas referencias á lectura e á imaxinación. Así, coñecemos a existencia de libros que teñen un final diferente para cada lector, a posibilidade de cambiar todo o que non nos gusta de nós mesmos ou de atopar a risa perdida...

O pequeno señor Paul creceu entre libroeiros: árbores cargadas de libros (mesmo coleccións completas, se a colleita é boa) ou follas soltas que aparecen escritas a medida que van madurando e que hai que ordenar para poder ler.

Neste universo tan especial do pequeno señor Paul todo é posible porque son moitos os mundos que collen entre as tapas dun libro.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN