24/3/08

Y PUNTO, Mercedes Castro


Rematan as vacacións, frías, chuviosas, caseiras. Nada mellor que unha semana así para ler dun tirón esta marabillosa novela.

Cheguei a ter á familia algo preocupada. Marta ten un dente menos, Helena pasou tres noites de terror por culpa de Michael Jackson e mamá, veña e dálle, todo o día pegada á semellante “tocho” de novela.


A culpable, Clara Deza. Unha muller policía, arrolladora, borde e mal falada por fóra; tenra, insegura e moi doce por dentro.


Clara sobrevive nun mundo de homes (a comisaría) onde ten que soportar con dignidade o menosprezo e a sobreprotección (que non precisa) de compañeiros e xefes, e ademais os noxentos comentarios de cada mañá do axente panzudo que a recibe na entrada.
Está casada con Ramón, un prometedor avogado, ten dúas grandes amigas, Laura e Lola, e un compañeiro de patrulla e exmozo, Carlos, que en máis dunha ocasión terá que sacala dun apuro. Clara ten tamén un pequeno bulto no seu peito. Unha “lentella” que lle fai pensar na proximidade da morte e ao que lle custa enfrontarse, moito máis que aos mafiosos, ionquis ou asasinos que ve a cotío.

Coñecer a Clara e vivila é un delicioso e aditivo pracer. A trama policial na que se ve inmersa e que se empeña en resolver ela soa fai que resulte sinxelo devorar a novela e chegar case extenuada á páxina 623. E que final! Haberá un despois?

Podedes coñecer mellor á autora no seu blog persoal: http://www.alfaguara.santillana.es/blogs/ypunto/

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN