23/2/08

JIRO TANIGUCHI (II)

A recomendación de cómic desta semana é outra obra do autor de manga Jiro Taniguchi. Trátase de El rastreador (Editorial Ponent Mon 2006). O protagonista é un montañeiro, Shiga, que se ve na obriga de voltar á cidade cando Megumi, unha estudante de instituto de 14 anos, desaparece misteriosamente. A rapaza é filla do que fora o seu mellor amigo, morto no Himalaya. Shiga debe baixar do seu refuxio da montaña para cumprir a promesa que lle fixera de coidar a Megumi. Pero a metrópole amósase máis perigosa e chea de dificultades que a montaña. Aparecen algúns temas da sociedade moderna como a incomunicación entre pais e fillos, a prostitución de menores, o caos da gran cidade ou o abuso das grandes empresas.

A historia desenvólvese de xeito próximo ao "thriller". A tensión mantense ata o final e o protagonista actúa como un verdadeiro heroe enfrontándose á cidade da única maneira que sabe, coma se fose o Dhaulagiri (8167 m, ocupa o séptimo lugar na lista dos cumios máis altos do mundo http://es.wikipedia.org/wiki/Dhaulagiri)

A obra divídese en trece capítulos e e está publicada no mesmo sentido de lectura que a edición xaponesa, é dicir, hai que comezar a ler pola que sería a derradeira páxina dun libro occidental e seguir as viñetas de dereita a esquerda.
Espero que vos guste moito.

PASEN E VEXAN