1/12/07

OS DEREITOS DOS NENOS



DECÁLOGO DOS DEREITOS DOS NENOS A ESCOITAR CONTOS
Asociación Colombiana do Libro Infantil

A Asociación Colombiana do Libro Infantil redactou o "Decálogo de dereitos dos nenos a escoitar contos" que segue:
1. Todo neno*, sen distinción de raza, idioma ou relixión, ten dereito a escoitar os máis fermosos contos da tradición oral dos pobos, especialmente aqueles que estimulen a súa imaxinación e a súa capacidade crítica.
2. Todo neno ten dereito a esixir que seus pais lle conten contos a calquera hora do día. Aqueles pais que sexan sorprendidos negándose a contar un conto a un neno, non só incorren nun grave delito de omisión culpable, senón que se están autocondenando a que seus fillos endexamais lles volvan pedir outro conto.
3. Todo neno que por algunha razón non teña a ninguén que lle conte contos, ten absoluto dereito a pedirlle ao adulto da súa preferencia que llos conte, sempre que este amose que o fai con amor e tenrura, que é como se contan os contos.
4. Todo neno ten dereito a escoitar contos no colo dos seus avós. Aqueles que teñan vivos aos seus catro avós poderán cederllos a outros nenos que por diversas razóns non teñan avós que llelos conten. Do mesmo xeito, aqueles avós que carezan de netos están en perfecta liberdade de acudir a escolas, parques e outros lugares de concentración infantil, onde poderán contar cantos contos queiran.
5. Todo neno está no dereito de saber quen son os principais autores de contos. As persoas adultas teñen a obriga de poñer ao alcance dos nenos todos os libros, contos e poemas deses autores.
6. Todo neno goza en plenitude de dereito de coñecer as fábulas, lendas e mitos da tradición oral do seu país.
7. O neno tamén ten dereito a inventar e contar os seus propios contos, así como a modificar os xa existentes, creando a súa propia versión.
8. O neno ten dereito a esixir contos novos. Os adultos están na obriga de nutrirse permanentemente de novos e imaxinativos relatos, propios ou alleos, con reis ou sen eles, longos ou curtos. O único obrigatorio é que os contos sexan realmente fermosos.
9. O neno sempre ten dereito a pedir outro conto e a pedir que lle conten un milleiro de veces o mesmo conto.
10. Todo neno, por último, ten dereito a medrar acompañado das aventuras dos Tres Porquiños, dos Tres Osos, daquel cabalo que era tan bonito.... e do inmortal “había unha vez”, fórmula máxica que abre as portas da imaxinación na ruta cara os soños máis fermosos da nenez.

N.T.: *Emprégase o xenérico masculino, respectando o orixinal. Entenderase sempre nena e neno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

PASEN E VEXAN